A Deputación financia o persoal técnico dos servizos de igualdade en 18 concellos

ACoruñaXa
Aposta polo programa FOAI, que presta asistencia económica ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes
A deputada Soledad Agra interviu este martes no II Congreso de Contratación Pública
14 Feb 2025

A Deputación da Coruña aposta polo programa FOAI, que consiste en subvencións a concellos e outras entidades locais para o financiamento de persoal técnico nos servizos municipais de igualdade de xénero no ano 2025. Así realizará un investimento este ano de 349.800 euros.

Os 18 beneficiarios, que recibirán axudas de entre 8.800 e 22.000 euros, son os concellos da Laracha, A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Betanzos, Brión, Coirós, Dodro, Dumbría, Mañón, Outes, Paderne, San Sadurniño, Santa Comba, Tordoia, Touro, Trazo, Valdoviño e a Mancomunidade de Municipios Comarca de Ordes (Tordoia, Cerceda, Ordes, Mesía, Trazo, Oroso e Frades).

O obxecto do programa FOAI/2025 é a asistencia económica ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, contribuíndo ao financiamento de técnicas e técnicos e axentes de igualdade de xénero para a dinamización e o desenvolvemento de políticas de igualdade, ademais da coordinación coa Deputación no marco do I Plan de acción das políticas de Igualdade de xénero na provincia da Coruña. O programa subvencionará os postos de traballo que estean desempeñados por persoal funcionario ou laboral.

“Entre as necesidades na procura da igualdade e na loita contra a violencia de xénero”, explica a deputada de igualdade, Sol Agra, “atópase a de dotar de persoal técnico especializado que dinamice no territorio as políticas públicas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e traballe a prol da erradicación da violencia de xénero”. “Por iso é tan importante, tanto para a Deputación coma para os concellos de toda a provincia, esta liña de subvencións”.

Agra referiuse tamén ao labor “fundamental” que desempeña o persoal técnico dos servizos de igualdade: “Non só proporcionan información, orientación e asesoramento, senón que programan, planifican e interveñen na realización de proxectos, en colaboración co noso departamento, de dinamización de políticas de igualdade no territorio”.

⚙ Configurar cookies
0.1724579334259