A Deputación financia a contratación de técnicos deportivos en 67 concellos

ACoruñaXa
Por comarcas, a maior cantidade vai para a de Santiago, con 300.000 euros repartidos entre os 22 concellos
Deportes-Deputación-1
27 Jan 2025

A Deputación da Coruña anuncia que realizará unha liña de financiamento con 901.250 euros para a contratación de técnicos deportivos en 67 concellos da provincia. Faino a través do programa de subvencións a municipios e entidades locais para financiar gastos de persoal técnico nos servizos municipais de Deportes durante o ano 2025. O Boletín Oficial da Provincia fixo oficiais esta semana as concesións provisionais desta liña de axudas que permiten aos municipios contratar ao manter no seu cadro de persoal a traballadores e traballadoras especializados en actividades deportivas.

Así, a través destas axudas da Deputación, os concellos poden contar cun técnico municipal con competencias para dinamizar as actividades deportivas das localidades, á vez que planificar calendarios de actividades vinculadas á actividade física e ao deporte para todos os públicos.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, fai fincapé en que esta iniciativa da Deputación permite “reforzar a aposta dos concellos polo deporte a través dunha oferta de actividades variadas e continuadas” e, “no caso dos municipios con menos recursos, mesmo resulta fundamental para que poidan dispor de persoal cualificado, necesario para poñer en marcha iniciativas fundamentais de cara á promoción de valores saudables, sociais e éticos vinculados á práctica deportiva”. Leira explicou que, ademais, esta liña de financiamento da institución provincial permite “a xeración directa de máis de 60 empregos” nos municipios de toda a provincia.

Por comarcas, a maior cantidade vai para a de Santiago, con 300.000 euros repartidos entre os 22 concellos que contarán coa axuda da Deputación para contratar un técnico de Deportes. Séguenlle a da Coruña e As Mariñas, con 175.000 euros para 13 municipios e Ferrolterra, Eume e Ortegal, con 160.000 entre 12. Mentres na comarca de Bergantiños-Costa da Morte as achegas alcanzan os 141.250 euros divididos en once localidades e na do Barbanza, 125.000 para nove concellos.

O deputado responsable da área lembrou que estes 901.250 euros forman parte no 2025 dun orzamento de preto de 8 millóns de euros para Deportes, un 17,5 % máis ca no 2024. A contratación de técnicos deportivos para ofrecer soporte aos concellos é unha das liñas fundamentais ás que se destinan estes recursos, que tamén contan con 4,2 millóns de euros reservados para subvencionar a preto de 600 entidades deportivas para fomentar o deporte de base e outro importe duns 180.000 euros reservado para bolsas aos mellores deportistas da provincia.

0.15575194358826