A Deputación financia 80% do ciclo da Academia de Ciencias 'Fronteiras do universo e exploración espacial'
A Deputación da Coruña financia o 80 % do custo do ciclo “Fronteiras, desde a orixe do universo ata a exploración espacial”, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias e con sedes en Santiago de Compostela, Ferrol e A Coruña.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da Academia, Juan Manuel Lema Rodicio, asinaron onte o convenio que regula esta colaboración. Nel establécese unha achega de 20.000 euros para o desenvolvemento da acción formativa, que conta cun orzamento total de 25.000.
Deste xeito, durante catro días do pasado mes, as tres cidades da provincia acolleron unha serie de seminarios sobre o coñecemento actual do cosmos. A partir de 12 relatorios, a acción incidiu na física de partículas e a súa vinculación coa cosmoloxía, a visión que proporcionan os novos telescopios Cherenkov, os avances na busca de planetas habitables e o desenvolvemento na exploración espacial que se está a acadar cos telescopios en órbita.
Formoso destacou a aposta da Deputación por apoiar este tipo de iniciativas co fin de consolidar a provincia coruñesa como unha referencia no eido do coñecemento e das novas tecnoloxías, una cuestión na que Administración provincial está especialmente implicada a través de diferentes iniciativas.