A Deputación entrega os XVI Premios Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación fixo entrega dos XVI Premios Rosalía de Castro de Lingua, convocados pola área de lingua da entidade provincial co obxectivo de recoñecer iniciativas, traballos e traxectorias dedicadas á promoción e dignificación do galego.
Nesta edición, resultaron galardoados o filólogo e catedrático emérito Xosé Ramón Freixeiro Mato; a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques, que recibiron os premios da man da deputada de lingua, Sol Agra, nun acto que contou tamén coa actuación musical de Faia.
Durante a entrega, Sol Agra destacou a importancia de todas as propostas recoñecidas, subliñando que “son parte, orgullo, manteñen o facho aceso, non se renden ás estatísticas nin ao pesimismo, e pertencen aos milleiros de persoas que son conscientes da importancia de actuar cando todo se pon en contra”. Engadiu ademais que “para iso naceron estes premios, para visibilizar, dar a coñecer, apoiar tamén economicamente, porque todo é pouco para agradecer o traballo que facedes pola nosa cultura e identidade, e ese é o noso compromiso mentres formemos parte desta institución que non pode lexislar”.
A deputada expresou o seu agradecemento aos premiados e premiadas, asegurando que “é un orgullo premiarvos, porque vós sodes un premio para todas as persoas que amamos a nosa lingua. O voso traballo énchenos de esperanza e de gratitude; porque o voso esforzo, dedicación e defensa do noso ben máis prezado como nación son para nós unha referencia, motivo de alegría e celebración”. A continuación, entregou os galardóns, consistentes nunha obra orixinal da artista María Maquieira, inspirada na célebre fotografía de Rosalía de Castro realizada por María Cardarelly. As láminas foron enmarcadas pola Asociación de apoio a persoas con problemas de saúde mental A Creba e levan certificado de autenticidade pola súa volta.
O xurado estivo formado polas persoas premiadas na edición anterior: Pilar García Negro; Arcadio González, do proxecto Aquí tamén se fala, e Mariló Candedo, da Nova Escola Galega. A técnica de normalización lingüística da Deputación, Dores Sánchez, actuou como secretaria.
O filólogo e catedrático emérito Xosé Ramón Freixeiro Mato foi premiado na categoría A, dirixida a persoas. Na categoría B, correspondente a entidades, o recoñecemento foi para a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas!, mentres que na categoría C, destinada a iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, os proxectos CeibaRimas e Galego para peques foron distinguidos ‘ex aequo’, repartíndose un premio de 5.000 euros. O certame contou nesta edición cun total de 32 candidaturas.