A Deputación entrega os primeiros Premios “José Gil” para apoiar o cinema galego

ACoruñaXa
Os galardóns entregáronse á cineasta e profesora Margarita Ledo, á guionista Ángela Andrada e ao documentalista Borja Casal
Axuda Audiovisual
10 Jul 2025

A Deputación da Coruña celebrou a primeira edición dos Premios “José Gil” de audiovisual, unha iniciativa destinada a impulsar a creación cinematográfica en galego e a recoñecer traxectorias destacadas no sector. Os galardóns foron entregados á cineasta e profesora Margarita Ledo, á guionista Ángela Andrada e ao documentalista Borja Casal, que recibiron 6.500 euros cada un.

O xurado, formado por referentes do audiovisual galego e presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, decidiu conceder o premio á traxectoria a Margarita Ledo, destacando o seu “compromiso firme e continuado co cinema en galego desde múltiples frontes: como creadora, como intelectual e como impulsora de iniciativas esenciais para a consolidación dun audiovisual galego forte e con identidade”. A achega de Ledo ao longo das últimas décadas converteuna nunha figura central da cultura galega.

En categoría de guión de longametraxe de ficción, o galardón recaeu na obra ‘Mamá Benidorm’, de Ángela Andrada. O xurado salientou “a súa capacidade para construír unha historia íntima e poderosa sobre a relación entre unha nai e a súa filla adolescente, que transcende o ámbito familiar para ofrecer unha reflexión profunda sobre o papel das mulleres na sociedade contemporánea”.

No apartado de guión de longametraxe documental, o premio foi para ‘Todo pode esperar’, de Borja Casal. A obra foi valorada pola súa “madurez narrativa e pola sensibilidade coa que aborda o percorrido vital da súa personaxe protagonista, conectando a súa historia persoal coa memoria colectiva e cultural da Galicia das últimas décadas, especialmente no ámbito musical”.

Con esta convocatoria, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co desenvolvemento do cinema galego e coa visibilización do talento creativo, apostando pola lingua e cultura propias como eixo fundamental dunha creación audiovisual contemporánea e recoñecida a nivel internacional.

 

⚙ Configurar cookies
0.16475200653076