A Deputación entrega os III Premios Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais

A Deputación da Coruña celebrou a entrega dos III Premios Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais, un certame que destaca a labor de persoas e entidades que se distinguen pola súa traxectoria nas ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social.
No evento, que tivo lugar na sede da Deputación, participaron a deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, encargadas de entregar os galardóns que levan o nome do filósofo, psicólogo e escritor galeguista Xoán Vicente Viqueira. Este recoñecemento quere render homenaxe ao seu legado, comprometido coa lingua galega, a igualdade e a educación ao longo de toda a vida.
Este ano, o xurado destacou a traxectoria de tres investigadores que representan os valores defendidos por Viqueira:
- Jorge Sobral Fernández, catedrático de Psicoloxía na USC, recibiu o premio á traxectoria de vida dedicada á investigación. O seu traballo, que abarca a psicoloxía xurídica e criminoloxía, tamén inclúe unha importante labor de divulgación, especialmente en temas como a saúde mental xuvenil, a violencia de xénero e o papel das persoas maiores na sociedade.
- Patricia Muñiz Núñez, doutora e docente na UDC, foi recoñecida polo seu traballo innovador en vivenda de transición para persoas desprazadas debido a guerras, catástrofes naturais ou o cambio climático. A súa investigación a levou a traballar en zonas como Siria, Xordania ou Libia, entre outras. O xurado salientou o alto nivel de transferencia social do seu proxecto.
- Vicente Adrián López Chao, arquitecto da UDC, gañou o premio ao mellor traballo realizado por un investigador novo. O seu enfoque interdisciplinar sobre os centros educativos sostibles, que combina arquitectura, educación e psicoloxía ambiental, ten como obxectivo mellorar o benestar tanto do alumnado como do profesorado, a través da transformación dos espazos educativos.
Os premios, dotados con 6.500 euros en cada modalidade, foron creados para manter vivo o espírito de Xoán Vicente Viqueira, unha figura clave na historia do galeguismo e da renovación pedagóxica. Segundo destacou Yoya Neira, "os tres premiados son dignos herdeiros do pensamento de Xoán Vicente Viqueira, pois representan un compromiso decidido coa investigación en ciencias sociais e a súa vocación transformadora, ao servizo da sociedade".
Pola súa parte, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, subliñou a orixe de Viqueira e destacou que os premiados "comparten tamén esa mesma paixón pola investigación e o avance do coñecemento".
Este certame, que recoñece a traxectoria de grandes referentes na investigación social, é un dos principais apoios da Deputación da Coruña á innovación e á promoción da cultura científica no ámbito das ciencias sociais e humanísticas.