A Deputación e Orgullo Galego suman forzas para fomentar o uso do galego nas redes sociais
A Deputación da Coruña, en colaboración con Orgullo Galego, presentou esta mañá o proxecto ‘O galego e as redes sociais’, unha iniciativa que busca promover o uso da lingua galega nas plataformas dixitais, especialmente entre a mocidade. O programa incluirá 20 obradoiros que se impartirán en centros de ensino público de secundaria da Costa da Morte e das Terras de Soneira, co obxectivo de dar a coñecer a situación actual do galego nas redes sociais e fomentar a súa presenza no mundo dixital.
A deputada de lingua, Soledad Agra, destacou a importancia de traballar xunto a Borja Iglesias, creador de Orgullo Galego, para impulsar o galego entre a rapazada a través das redes sociais. “Orgullo Galego é unha das comunidades en galego máis grandes na actualidade, e o seu traballo na difusión da lingua e a cultura galega é extraordinario. Queremos aproveitar esta ferramenta tan valiosa que son as redes sociais para potenciar o uso do galego entre a mocidade”, sinalou.
Os obradoiros, que se desenvolverán nos próximos meses, amosarán á mocidade a evolución do galego nas redes sociais desde os anos 90, así como os diferentes contidos que se están creando en galego sobre temas como deporte, ciencia, cultura e tecnoloxía. Borja Iglesias, responsable de Orgullo Galego, explicou que as charlas tamén mostrarán que o galego non é unha barreira para a creación de contidos, senón que permite chegar a miles de persoas ao redor do mundo.
A iniciativa tamén se destaca polo seu impacto positivo nas escolas de toda Galicia, onde xa se realizaron obradoiros similares. “A resposta foi moi boa, tanto entre os galegofalantes como entre aqueles que non son falantes nativos. Algunhas das actividades xeraron podcast, emisións en Twitch e canles de YouTube en galego”, afirmou Iglesias.
Co proxecto ‘O galego e as redes sociais’, a Deputación e Orgullo Galego buscan non só fomentar o uso do galego na internet, senón tamén ofrecer á mocidade ferramentas para crear contido na súa propia lingua, facendo visible o potencial do galego no mundo dixital.