A Deputación e o IMCE asinan un acordo para cofinanciar a cultura tradicional, os Premios Mestre Mateo e eventos culturais na rúa

ACoruñaXa
O acordo foi asinado entre a deputada de cultura, Natividade González, e o titular de cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, mediante o que a entidade provincial destina un total de 250.000 euros
Imaxe o acto de sinatura entre a Deputación e o Concello da Coruña
9 Ago 2024

A deputada de cultura, Natividade González, e o titular de cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, asinaron un convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) para o cofinanciamento das actividades de cultura tradicional, os Premios Mestre Mateo e actividades culturais na rúa.

Este convenio inclúe un investimento por parte da entidade provincial dun total de 250.000 euros, unha cantidade que representa o 80% do orzamento total de gastos das actividades a realizar polo IMCE.

O investimento destínase ás actividades de cultura tradicional, con asociacións musicais e/ou culturais da cidade, que se desenvolverán en distintos espazos ao longo do ano; os Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual Mestre Mateo como recoñecemento ás obras galegas e ós profesionais que traballaron nelas nos seus distintos aspectos técnicos e creativos e actividades culturais na rúa de artes escénicas destinadas ao público familiar, como espectáculos de maxia, música, danza, teatro, circo ou humor, que se desenvolven en distintos barrios da cidade durante o verán.

O acordo co IMCE forma parte do compromiso da área de cultura da Deputación da Coruña coa posta en valor da cultura tradicional, así como coa promoción do talento e da riqueza do audiovisual galego, e co fomento da accesibilidade da oferta cultural entre a poboación da cidade e da provincia.

0.091668128967285