A Deputación e o Dépor renovan a súa alianza para promover o turismo na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, visitaron a cidade deportiva do Real Club Deportivo da Coruña en Abegondo, onde foron recibidos pola vicepresidenta do club, Michelle Clemente Escotet, o conselleiro delegado, Massimo Benassi, e parte da plantilla.
O motivo da visita foi dar a coñecer a nova colaboración institucional entre a Deputación e Deportivo para promocionar a provincia como destino turístico de calidade a través da campaña “A Coruña: unha provincia por descubrir”, que por segundo ano consecutivo loce nas equipacións dos primeiros equipos, tanto masculino como feminino do Dépor, e que se proxectará tamén no videomarcador de Riazor durante os partidos desta tempada.
“Con esta alianza queremos recoñecer e pór en valor o sentimento que a cidade e a provincia da Coruña teñen co Deportivo, coa súa gran historia deportiva e tamén co seu futuro”, afirmou o presidente da Deputación, que incidiu en que a experiencia do ano pasado demostrou que o Dépor “é un gran embaixador para promocionar en toda España a provincia da Coruña como destino turístico, que como di o noso lema ten moito por descubrir”.
Pola súa banda, o conselleiro delegado do Real Club Deportivo da Coruña, Massimo Benassi, afirmou que “estamos encantados de recibir este apoio e de que, por segunda tempada, podamos levar a provincia e a Deputación na nosa indumentaria, tanto no equipo masculino como no feminino, que para nós é un proxecto fundamental. Que sexa por moitas tempadas máis porque para nós poder colaborar coas institucións é fundamental”, apuntou.
Esta nova alianza estreita os lazos entre a Deputación e o RC Deportivo, que aporta a súa pegada no territorio e o seu impacto social no terreo deportivo para promocionar a provincia coruñesa dentro e fóra de Galicia.
A través desta colaboración, a Deputación inviste 264.375 euros que redundan en beneficio do club, da cidade e da provincia. Nos vindeiros días, a Deputación presentará un acordo similar co Racing Club de Ferrol en vésperas de que ambos equipos de Segunda División da provincia disputen un interesante derbi este sábado na Malata.