A Deputación e o Concello de Miño estrean as novas beirarrúas de San Xoán de Vilanova

ACoruñaXa
A actuación, cun investimento de 758.132 euros, reforza a seguridade e accesibilidade peonil nun quilómetro da DP-4802, mentres o municipio acumula preto de dous millóns de euros en obras provinciais
MIÑO inauguracion rua
24 Nov 2025

A Deputación da Coruña e o Concello de Miño inauguraron as renovadas beirarrúas de San Xoán de Vilanova, unha intervención que supón un salto adiante na seguridade viaria e na mobilidade peonil nun dos tramos con maior circulación da estrada provincial DP-4802.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, participaron no acto de apertura dunha obra que contou cun investimento de 758.132 euros. A execución acumulou certos atrasos debido á retirada necesaria dos postes eléctricos e de telecomunicacións por parte das empresas subministradoras, un paso imprescindible para garantir unha actuación accesible e plenamente integrada no viario.

A reforma incluíu a demolición das antigas beirarrúas de baldosa hidráulica, xa moi deterioradas, e a construción de sendas peonís continuas e sen bordillo, situadas ao nivel da calzada pero separadas por un caz de formigón. Este modelo, xa implantado pola Deputación noutros proxectos provinciais, promove desprazamentos máis seguros e unha mellor adaptación ao entorno. As novas sendas, realizadas en formigón coloreado, presentan anchuras que oscilan entre 1,50 e 2 metros e incorporan unha rede renovada de recollida de pluviais. A obra completarase coa mellora da capa de rodaxe entre os puntos quilométricos 1+971 e 2+978.

Durante a inauguración, González Formoso destacou a satisfacción de ver materializados proxectos que reforzan a seguridade viaria en Miño. Subliñou que o municipio se converteu nun dos principais focos de investimento da Deputación, lembrando que se están destinando preto de 2 millóns de euros a diversas actuacións en estradas provinciais. Entre elas figuran a renovación do firme entre Praia Grande e Perbes (540.000 euros), a senda entre Ponte do Porco e a ponte do río Lambre, actualmente en licitación por máis de 950.000 euros, e a mellora do firme da propia DP-4802 entre Perbes e Campolongo, cun orzamento de case 290.000 euros.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, puxo en valor que se trata 'dunha obra moi necesaria, que dá resposta ás demandas da veciñanza e que mellora o día a día das persoas que se desprazan a pé polo núcleo'. Agradeceu tamén o compromiso do organismo provincial por atender unha prioridade para o Concello e para os residentes de San Xoán de Vilanova.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Veciños de Xarío, Ánxeles Gómez, afirmou que os veciños están 'moi contentos cunha intervención que beneficia especialmente ás persoas maiores e con discapacidade'. Ademais, lembrou que se trata dunha petición realizada hai tempo e expresou o desexo de que o Concello manteña en bo estado as novas infraestruturas.

⚙ Configurar cookies
0.071072101593018