A Deputación e o Básquet Coruña, unidos para promover o deporte de base

A Deputación da Coruña reforza o seu compromiso co deporte e a promoción turística da provincia a través dun acordo de patrocinio co Básquet Coruña. As campañas 'A Coruña: unha provincia por descubrir' e 'O deporte fainos grandes' locerán nas equipacións dos xogadores do club laranxa e nas pantallas LED do Coliseum durante os encontros disputados na casa. O convenio supón un investimento de 185.735 euros e beneficia tanto ao club como á cidade e á provincia.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o presidente do Básquet Coruña, Pablo de Amallo, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, presentaron hoxe o acordo no Coliseum coruñés, onde posaron nunha foto de familia xunto á directiva, o corpo técnico e o persoal do equipo.
Formoso destacou que este patrocinio é "un paso máis no apoio da Deputación a este gran equipo, que devolveu o nome da Coruña á máxima categoría do baloncesto nacional, a Liga máis importante de Europa e a segunda do mundo, tras a NBA". O presidente subliñou ademais o papel do Básquet Coruña como "un dos grandes embaixadores da provincia".
O presidente provincial resaltou tamén a importancia do club como inspiración para a mocidade: "O Básquet Coruña é unha ilusión para centos de rapaces e rapazas que, desde as categorías base, soñan con chegar algún día ao primeiro equipo". Ademais, puxo en valor o compromiso da Deputación co deporte de base: "Este acordo contribúe a apoiar a enorme labor do club na promoción do deporte, cunha canteira de máis de 750 nenos e nenas".