A Deputación e ACEM lanzan o conto infantil 'Emilio y la ciudad de los cables invisibles' para explicar a esclerose múltiple á cativada

A Deputación da Coruña e a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM) veñen de dar un novo paso no labor de sensibilización sobre esta doenza crónica mediante a edición do conto infantil 'Emilio y la ciudad de los cables invisibles', pensado para axudar a explicar a esclerose múltiple ás nenas e nenos.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou hoxe a sede de ACEM para facer entrega dos novos exemplares deste libro, editado na imprenta provincial. Durante o encontro, a deputada agradeceu o traballo diario da entidade no acompañamento ás persoas afectadas e ás súas familias e puxo en valor o papel de materiais divulgativos como este conto para achegar a realidade da esclerose múltiple dun xeito próximo e comprensible.
A obra narra a historia de EMilio, un pequeno habitante dunha cidade luminosa situada baixo o chan e fiel axudante do Ratonciño Pérez. Ademais de recoller dentes, EMilio ten unha misión especial: axudar á rapazada a entender aquilo que ás veces resulta máis difícil de explicar. Na historia, o protagonista chega á casa de Sofía, unha nena inqueda e preocupada pola enfermidade da súa nai, e a partir dese momento inicia unha aventura para facela comprender que é a esclerose múltiple.
O conto recorre á metáfora dos 'cables invisibles' do corpo para explicar, con palabras sinxelas e ilustracións tenras, como afecta a doenza ao sistema nervioso. A través de comparacións claras e dunha mirada chea de empatía, EMilio amosa que, aínda que non se vexa, a enfermidade pode cambiar moitas cousas no día a día, mais tamén que o agarimo, a paciencia e a comprensión son unha axuda fundamental para convivir con ela.
Unha das ideas chave do libro é que 'cando coñeces algo, xa non dá tanto medo', insistindo na importancia de dispoñer de información adaptada á infancia e de contar con figuras que axuden a iluminar o camiño, tal e como fai EMilio coa pequena Sofía. Desde a Deputación e ACEM salientan que este tipo de ferramentas contribúen a reducir estigmas, favorecer o diálogo nas familias e construír contornas máis respectuosas coas persoas con esclerose múltiple.