A Deputación dota de novos equipos de comunicación a 12 agrupacións de Protección Civil da provincia

A Deputación da Coruña entregou esta semana novos sistemas de comunicación a doce agrupacións de Protección Civil da provincia, no marco do seu programa de subvencións dirixido a colectivos de voluntariado de concellos con menos de 50.000 habitantes. As entidades beneficiarias foron as de Carral, Zas, Xallas (Santa Comba), A Laracha, Porto do Son, Curtis, Corcubión, Camariñas, Ames, Miño, Coristanco e Boiro.
A entrega dos equipos tivo lugar nun acto celebrado no Pazo Provincial, onde a deputada Cristina Capelán destacou o compromiso da institución co labor esencial do voluntariado: “a práctica totalidade de eventos que contan cunha alta participación de persoas desenvólvense en condicións de seguridade grazas ao traballo das agrupacións”.
Cada unha das doce entidades recibiu catro walkie talkies e un repetidor portátil, co obxectivo de garantir unhas comunicacións máis eficaces e seguras tanto nas emerxencias como nas actividades de apoio loxístico. A achega económica da Deputación para a adquisición deste material ascendeu a 61.666,44 euros.
A través deste programa, a institución provincial busca reforzar a capacidade operativa das agrupacións de Protección Civil e apoiar o seu papel fundamental na atención cidadá e na prevención de riscos.