A Deputación distingue con premios a entidades e profesionais que loitan pola inclusión

A Deputación da Coruña entregou en Palexco os IV Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, recoñecendo o labor de entidades e profesionais que destacan polo seu compromiso coa inclusión social e o apoio ás persoas máis vulnerables da provincia.
As entidades galardoadas foron a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a Rede Europea contra a Pobreza (EAPN Galicia), a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), a Asociación Raíña Paraíso, a Fundación Meniños e a Asociación Arraianas. Tamén se distinguiu á xornalista de La Voz de Galicia, Beatriz Abelairas, como mellor comunicadora en materia de servizos sociais.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, puxo en valor o traballo das entidades e profesionais premiados: “Persoas que traballades cada día co ánimo de ofrecer novas oportunidades e de mellorar a vida das persoas en situacións difíciles. Sodes a luz que moitas persoas necesitan para manter a esperanza”. Ademais, asegurou que “as políticas públicas que deseñamos e financiamos dende a Deputación teñen un impacto real e positivo na vida das persoas”.
Formoso tamén destacou o investimento da institución provincial no ámbito social, que este ano ascende a máis de 33 millóns de euros, “converténdose na segunda partida máis elevada do orzamento provincial, só por detrás do Plan Único”.
Entre as iniciativas impulsadas, subliñou o POS Social, que permite contratar a 180 profesionais e financiar máis de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, así como o reforzo da Rede de Casas de Acollida, o novo modelo de residencias públicas e as axudas a preto de 300 entidades sociais da provincia.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, tamén felicitou ás entidades premiadas, destacando que os proxectos “naceron da proximidade, da escoita activa, do coñecemento real do territorio. Iniciativas que promoven a igualdade, que combaten a exclusión, que defenden a diversidade ou loitan contra a soidade non desexada e nas que é un orgullo poder colaborar”.