A Deputación destina máis de medio millón aos festivais municipais en 2024
A Deputación da Coruña destinará unha partida de 535.304 euros para o programa FO221/2024, de subvencións a Concellos e entidades locais para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas na provincia da Coruña durante o ano 2024. Neste exercicio son 23 os beneficiarios, entre eles Carballo Interplay, Cineuropa, Curtocircuíto, Á esCEEna, Rock in Cambre e Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Recibirán axudas de entre 3.000 e 65.000 euros.
“O ámbito dos festivais”, sinalou a titular de Cultura, Natividade González, “é un dos campos que, no cuantitativo e no cualitativo, máis está a centrar as políticas de fomento da área de Cultura da Deputación da Coruña nos últimos anos, atendendo de forma específica a súa realidade, con liñas de subvencións específicas, criterios claros e transparentes e permanente diálogo coas entidades interlocutoras dos diferentes sectores”.
“Este apoio”, explica González, “permitiu que, en catro anos, as cantidades económicas que reciben moitos dos festivais por parte da Deputación se duplicasen ou triplicasen, contribuíndo de forma clara á mellora da calidade das programacións e, sobre todo, á mellora das condicións sociolaborais e organizativas dos eventos subvencionados”.
A relación de beneficiarios e o importe das subvencións poden consultarse no BOP do 27 de xuño.