A Deputación destina máis de 225.000 euros a iniciativas veciñais e rurais en 2025

A Deputación da Coruña vén de facer pública, a través do Boletín Oficial da Provincia, a resolución provisional das axudas destinadas a proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro do ámbito veciñal e rural. Esta liña de subvencións, correspondente ao exercicio 2025, beneficiará un total de 16 asociacións cun investimento global de 225.344 euros.
Os fondos permitirán a posta en marcha de actuacións moi diversas que abranguen desde a mellora de locais sociais e a dotación de equipamento tecnolóxico, ata a creación de espazos deportivos ou de lecer, así como intervencións orientadas a mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética nos espazos comúns das parroquias.
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, puxo en valor o papel das entidades veciñais como motor de dinamización no territorio: “Este tipo de axudas contribúen a que os colectivos poidan levar a cabo proxectos que melloran o día a día nas aldeas e pequenos núcleos. Ademais de fortalecer o tecido asociativo, fomentan a cohesión social e o desenvolvemento económico do rural”, sinalou.
Capelán salientou tamén que o obxectivo principal da Deputación é que os recursos públicos revertan directamente no benestar da cidadanía: “As asociacións locais son clave para manter vivo o rural e detectar as necesidades reais da veciñanza. Estas subvencións danlles ferramentas para actuar”.
Entre os proxectos que recibirán financiamento atópanse a creación dunha biblioteca rural por parte da Asociación de Veciños de Nogueirosa, en Pontedeume; a mellora enerxética do local da Asociación de Mulleres Rurais de Xesteda, en Cerceda; ou o reasfaltado da pista polideportiva impulsado pola Asociación de Veciños San Juan de Esmelle, en Ferrol.
A publicación desta resolución provisional abre agora un prazo de dez días hábiles para que as entidades poidan presentar alegacións ou corrixir erros. Unha vez finalizado este período, emitirase a resolución definitiva co reparto final das axudas.