A Deputación destina case 400.000 euros ao apoio técnico de museos e centros culturais en 2025

ACoruñaXa
A través do programa FO216, un total de 22 concellos e entidades locais beneficiaranse destas subvencións
Natividade González (1)
9 Apr 2025

A Deputación da Coruña vén de anunciar unha nova achega económica de 394.545 euros destinada a fortalecer o funcionamento dos museos e centros museísticos da provincia ao longo do ano 2025. A través do programa FO216, un total de 22 concellos e entidades locais beneficiaranse destas subvencións, que lles permitirán financiar os custos de persoal técnico especializado. As axudas oscilarán entre os 12.500 e os 20.000 euros, segundo as características e necesidades de cada proxecto.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que esta liña de apoio "reforza o compromiso da Deputación coa conservación e a divulgación do patrimonio cultural da nosa provincia". Subliñou tamén a importancia de contar con profesionais cualificados en ámbitos como a museoloxía ou a documentación, xa que "son pezas clave para o bo funcionamento destes espazos, para preservar adecuadamente as coleccións e para ofrecer servizos de calidade á cidadanía e ás persoas visitantes".

Segundo González, os museos representan moito máis ca simples contedores de obxectos: "Son lugares de memoria, coñecemento e encontro, fundamentais para valorizar o noso patrimonio, reforzar a identidade local e impulsar o turismo cultural sostible". Por ese motivo, a área de Cultura considera prioritario consolidar as súas estruturas cunha liña de axudas que incide directamente na súa actividade diaria e no seu impacto social.

⚙ Configurar cookies
0.12762212753296