A Deputación destina 900.000 euros á limpeza de praias en 41 concellos da provincia

ACoruñaXa
As axudas, publicadas no BOP con concesión provisional, financian a contratación de brigadas no verán e material de traballo e, xunto co plan de socorrismo, permiten xerar arredor de 300 empregos na tempada estival
Imaxe da praia Grande de Miño
18 Feb 2026

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a concesión provisional do programa de limpeza de praias 2026, dotado con 900.000 euros para sufragar este servizo en 41 concellos costeiros coruñeses. O obxectivo é aliviar os gastos municipais derivados da contratación de persoal para as brigadas de limpeza dos areais durante os meses de verán e tamén apoiar a compra de material necesario para os traballos, como vestiario, maquinaria lixeira ou combustible.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, defendeu que o plan axuda a que 'as praias da provincia da Coruña estean en condicións óptimas durante a tempada turística', ao tempo que reforza as contas locais e impulsa o emprego. Segundo indicou, a iniciativa, sumada ao programa de socorrismo, tradúcese cada verán na contratación de arredor de 300 persoas nos concellos costeiros.

As subvencións permiten financiar brigadas cunha duración máxima de ata tres meses, dentro do período comprendido entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2026. As contías oscilan entre algo máis de 6.700 euros e preto de 31.000 euros, en función de criterios obxectivos como a superficie total das praias de cada municipio (segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) e a poboación oficial (INE).

Entre os concellos incluídos na concesión provisional figuran varios da área metropolitana da Coruña e da comarca das Mariñas, como:

  • A Coruña: 24.767,25 euros
  • Arteixo: 24.767,25 euros
  • Bergondo: 23.219,30 euros
  • Miño: 24.767,25 euros
  • Oleiros: 27.863,16 euros
  • Paderne: 17.956,26 euros
  • Sada: 23.838,48 euros

O importe total concedido no programa ascende a 900.000,00 euros para o conxunto dos 41 concellos beneficiarios.

⚙ Configurar cookies
0.079834938049316