A Deputación destina 6,98 millóns de euros á comarca de Betanzos na primeira fase do Plan Único 2026

ACoruñaXa
A deputada Cristina García Rey visitou obras do POS en Coirós, concello que suma máis de 3,97 millóns de euros desde 2017
DEPU coiros
26 Jan 2026

A Deputación da Coruña mobilizará algo máis de 6,98 millóns de euros na comarca de Betanzos a través da primeira fase do Plan Único 2026 (POS). O anuncio realizouno este luns a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García Rey, durante unha visita ao Concello de Coirós para comprobar sobre o terreo diferentes actuacións financiadas con cargo ao programa.

A xornada arrancou na casa consistorial, onde García Rey foi recibida polo alcalde, Francisco Quintela Requeijo, e por integrantes da corporación municipal. A continuación, desprazáronse a varios puntos do municipio para revisar intervencións en marcha.

Entre elas, a deputada supervisou a mellora da rede viaria en Merille, unha obra do Plan Único 2024 adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Melchor por máis de 100.000 euros. Tamén visitou os traballos de saneamento no núcleo de Caresma, correspondentes ao POS 2023 e adxudicados a Eulogio Viñal Obras y Construcciones por case 183.000 euros.

Durante o percorrido, García Rey salientou o POS como unha ferramenta clave de apoio ao municipalismo, ao achegar financiamento estábel para que os gobernos locais poidan programar e executar melloras nos servizos públicos. A deputada incidiu tamén en que o Plan Único reforza a autonomía local, xa que cada concello decide o destino dos fondos, tanto para obras como para gasto corrente.

No caso de Coirós, desde 2017 o concello recibiu algo máis de 3,97 millóns de euros a través do Plan Único, con investimentos orientados, entre outros ámbitos, á mellora de estradas rurais, á ampliación e renovación das redes de saneamento e abastecemento, á modernización do alumeado público e á posta a punto de espazos e equipamentos municipais. En 2025, unha parte maioritaria dos fondos destinouse a gasto corrente e o resto permitiu impulsar actuacións de alumeado en Espenuca Alta e outros lugares, saneamento en Coirós de Arriba e Recebés e melloras viarias en Colantres e noutros puntos.

De cara a 2026, a achega inicial para Coirós ascende a 438.512,99 euros e, unha vez aprobado o POS adicional, a contía total prevese en cifras semellantes ás dos últimos exercicios (655.197,32 euros en 2025 e 601.140,12 euros en 2024).

⚙ Configurar cookies
0.077388048171997