A Deputación destina 650.000 euros para apoiar festivais organizados por asociacións sen ánimo de lucro en 2024

ACoruñaXa
Entre os 31 beneficiarios están o FIOT, Resis, Rock in Rian, Castelo Conta 2024, Festa da Carballeira de Zas, Feito a man, Atlántica, (S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, Festiletras, MICE ou Festigal
Imaxe-do-edificio-da-Deputacion-da-Coruna
17 sep 2024

A Deputación da Coruña investirá 649.423 euros no programa FO223/2024, de subvencións a entidades sen fins de lucro para a organización de festivais audiovisuais, musicais, de artes escénicas, mixtos e singulares na provincia da Coruña durante o ano 2024.

Neste exercicio será os 31 beneficiarios; entre eles, o FIOT, Resis, Rock in Rian, Castelo Conta 2024, Festa da Carballeira de Zas, Feito a man, Atlántica, (S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, Festiletras, MICE ou Festigal. Recibirán axudas de entre 6.000 e 45.000 euros.

“No contexto actual”, explica a deputada de Cultura, Natividade González, “para esta Deputación poder manter o nivel de apoio que vén dando aos festivais de artes escénicas, cinema e música da provincia, o futuro esixe avanzar da man dos propios eventos na procura dunha maior estabilidade orzamentaria, dun maior equilibrio nas axudas recibidas por parte das diferentes administracións e dunha comprensión e asunción dos problemas que presenta a propia evolución do sistema de festivais, que medraron en número e orzamentos nos últimos anos”.

Para González, “no departamento de Cultura da Deputación da Coruña entendemos que o apoio ao sector cultural ten que articularse cada vez de maneira máis manifesta ao redor dos impactos positivos e do compromiso da acción cultural coa comunidade na que se desenvolve”. “As liñas de subvencións nesta área”, engade “deben incorporar de maneira progresiva nos seus criterios de valoración os novos retos e esixencias vinculados aos intereses colectivos e ao enfoque do desenvolvemento sustentable, sen esquecer que isto implica formación, ferramentas e recursos”.

A acción cultural é, para a deputada, “un factor imprescindible de desenvolvemento para a comunidade, polo seu carácter altamente transformador, creativo e innovador, pola súa contribución ao desenvolvemento das persoas e dos territorios”. “Como parte activa da cultura”, explica, “as entidades, empresas, artistas, axentes culturais e públicos, están chamados a ter un papel central neste proceso.

Os eventos culturais, nomeadamente os festivais, obxecto desta convocatoria, debúxanse como espazos privilexiados para a convivencia, a innovación social, a reflexión e os debates, e o exercicio colectivo da responsabilidade. Son ferramentas, máis se cabe no actual contexto de pandemia, con capacidade para transformar territorios, crear redes, promover talentos, experimentar procesos de innovación, impulsar a concienciación, e contribuír ao benestar comunitario”.

0.18818402290344