A Deputación destina 4,5 millóns de euros á cultura da provincia para o exercicio 2026

A Deputación da Coruña reforza a súa aposta pola cultura cun investimento global de 4.525.000 euros para o ano 2026, dirixido a apoiar actividades e investimentos culturais en toda a provincia. As axudas, recollidas en seis liñas de subvención publicadas no Boletín Oficial da Provincia, buscan impulsar a creación cultural, asegurar a continuidade de proxectos xa en marcha e mellorar o acceso da cidadanía á cultura.
A deputada de Cultura, Natividade González, subliña que con este novo paquete de recursos “búscase apoiar a actividade cultural na provincia para que siga a ser un dos seus sinais de identidade” e lembra que as diferentes liñas permiten “chegar a todas as capas do sector, desde as pequenas entidades ata os grandes festivais e formacións musicais”.
A primeira das liñas está dirixida a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Trátase de apoiar iniciativas de creación, investigación, formación e difusión promovidas por asociacións culturais, veciñais e de tempo libre, entidades de carácter pedagóxico e colectivos de ámbito social e asistencial.
En paralelo, ábrese outra liña específica para investimentos culturais de entidades sen ánimo de lucro, dotada con 525.000 euros. Estes fondos destinaranse á mellora de inmobles, adquisición de mobiliario e equipamento, así como á compra de material técnico e artístico necesario para o desenvolvemento da programación.
O apoio ás entidades musicais da provincia reforzase con dúas partidas. Por unha banda, 500.000 euros para actividades culturais de corais polifónicas, bandas de música populares, agrupacións de música e baile tradicional galego e formacións musicais de gran formato ao longo de 2026. Por outra, unha liña para investimentos de 225.000 euros que permitirá acometer melloras en locais, instrumentos, vestiario e equipamento técnico.
Outra das subvencións vai dirixida a fundacións e a entidades privadas sen fin de lucro que sexan titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas, así como a entidades que exerzan funcións de representación sectorial e colectiva de profesionais e persoas amadoras da cultura galega. Este programa conta cun orzamento de 650.000 euros para apoiar a realización de actividades culturais en todas as súas dimensións.
Completa o paquete o programa de apoio ao desenvolvemento de festivais na provincia da Coruña, dotado con 1.425.000 euros. Poderán acollerse a estas axudas os concellos e outras entidades locais da provincia, entidades sen ánimo de lucro con sede en Galicia e entidades con ánimo de lucro da Unión Europea que organicen festivais con identidade propia, programación diversa, periodicidade consolidada e unha proposta de contidos definida.
En canto aos prazos, todas as liñas agás a de festivais poden solicitarse desde o 15 de novembro e ata o 16 de decembro de 2025. No caso do programa específico para festivais, o período de presentación de solicitudes abrirase do 16 de xaneiro ao 16 de febreiro de 2026.