A Deputación destina 1 millón de euros a concellos para protexer o patrimonio cultural en 2026

A Deputación da Coruña porá en marcha en 2026 unha liña de subvencións dotada con 1 millón de euros para a conservación do patrimonio cultural público nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. O programa, identificado como DP0045/2026, foi presentado polo deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, na sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
As axudas, cun máximo de 150.000 euros por actuación, deberán pedirse antes do 21 de xaneiro de 2026 e financiarán intervencións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de xuño de 2027. As actuacións deberán centrarse en espazos públicos e inmobles municipais con valor histórico, artístico, cultural, tipolóxico ou etnográfico, sempre que conten con protección como BIC ou estean catalogados. Quedan excluídos os bens mobles e tamén os proxectos xa cubertos por outros plans provinciais, como os parques arqueolóxicos Compostela Rupestre, Megalitismo da Costa da Morte ou Idade de Ferro do Barbanza, así como os plans de sostibilidade turística en destino.
Penas definiu esta convocatoria como ‘un berro para que o noso patrimonio non caia no esquecemento’ e advertiu de que moitos bens municipais ‘precisan protección inmediata’. Criticou tamén a ‘xestión errada’ da Xunta de Galicia en casos como o da Ribeira Sacra e reclamou máis implicación doutras administracións. ‘Morreu o tempo de desfacer. Agora tócalle conservar ou reconstruír se fai falla’, afirmou.
Na presentación, Ruth Varela, presidenta da delegación coruñesa do COAG, felicitou á Deputación ‘por esta sensibilidade co patrimonio e este apoio directo aos concellos’. Varela insistiu na importancia de frear os procesos de despatrimonialización, que cualificou como ‘un dos maiores riscos xunto ao deterioro físico’.
A tramitación das axudas realizarase unicamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña. As bases completas da convocatoria publicáronse no BOP do 15 de outubro.
