A Deputación destaca unha década de investimento récord en obra pública que creou 18.000 empregos

A Deputación da Coruña puxo en valor, no marco do Foro APECCO 2025, a súa aposta estratéxica polo investimento en obra pública como motor de desenvolvemento económico e xerador de emprego na provincia. O presidente provincial, Valentín González Formoso, foi o encargado de presentar os principais datos dun balance que cualificou como "sen precedentes": máis de 1.000 millóns de euros investidos na última década e máis de 18.000 postos de traballo directos creados no sector da construción.
Durante o seu relatorio no Espazo Avenida Abanca, Formoso sinalou que a obra pública representa arredor do 7 % do PIB galego e sostén 82.000 empregos en Galicia, case a metade deles —un 46 %— concentrados na provincia da Coruña. “Estes datos demostran a importancia de manter políticas de investimento público ambiciosas e continuadas no tempo”, asegurou.
O Plan Único, eixo central da política inversora
O presidente destacou como ferramenta clave o Plan Único (POS+), creado en 2015 tras a chegada do actual goberno á Deputación. “Cando comezamos, o orzamento do Plan de Obras e Servizos era de 25 millóns. Hoxe está en torno aos 100 millóns de euros anuais”, afirmou. Este incremento permitiu aos concellos asumir obras prioritarias e mellorar a calidade dos servizos públicos.
Desde a súa posta en marcha, o POS+ posibilitou a execución de 4.592 actuacións nos 93 concellos da provincia, cun investimento acumulado de máis de 800 millóns de euros. A singularidade do plan reside en que, malia o financiamento ser provincial, son os propios concellos os que licitan e adxudican as obras, converténdose na segunda maior administración contratante de Galicia, só por detrás do Estado.
Melloras na rede viaria: 230 millóns e 500 km renovados
Xunto aos fondos do POS+, González Formoso puxo tamén o foco nos investimentos da área de Vías e Obras, que destinou 230 millóns de euros en 10 anos á mellora da rede viaria provincial. As actuacións abranguen máis de 500 quilómetros de estradas e a construción de 62 quilómetros de sendas peonís, especialmente en contornos rurais, para avanzar na mobilidade sostible e a seguridade viaria.
Só no que vai de 2025, a Deputación sacou a licitación 62 obras propias por un valor conxunto de 28 millóns de euros, cunha media de 30 empresas concorrentes por contrato, dato que, segundo Formoso, “reflicte o grao de confianza do sector construtor na administración provincial”.
“Cada millón de euros investido en obra pública xera arredor de 18 empregos directos”, concluíu o presidente, reivindicando o papel da Deputación como “aliada estratéxica dos concellos e motor económico clave para o presente e o futuro da provincia”.