A Deputación destaca o papel das ITS na violencia machista coa súa campaña do 25N
A área de Igualdade da Deputación da Coruña, dirixida por Soledad Agra, presentou esta mañá a nova edición da campaña “DE FRONTE á violencia de xénero” con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller. Este ano, a iniciativa enfócase na sensibilización sobre as Infeccións de Transmisión Sexual (ITS), vinculando o seu incremento a condutas machistas e neglixentes nas relacións sexuais.
“Estamos a ver como a falta de educación sexual entre a mocidade está a provocar un aumento das ITS, en moitos casos froito de comportamentos de manipulación e engano nas relacións afectivas”, indicou Soledad Agra durante o acto, no que estivo acompañada polas representantes das empresas Femur e Nova Xestión Cultural, encargadas da execución da campaña.
Baixo o lema “Moito coidado”, a campaña busca conectar co público novo a través dun ton positivo e educativo, fomentando relacións baseadas no coidado mutuo e a igualdade. “Queremos transmitir que o coidado nas relacións vai máis aló do uso de métodos de protección: inclúe a confianza, o respecto e a igualdade”, explicou a deputada.
Un enfoque multidisciplinar e participación masiva
A campaña “DE FRONTE á violencia de xénero” esténdese ao longo de varias semanas e conta coa colaboración de 91 concellos e 108 entidades sociais, educativas e culturais da provincia. As accións inclúen:
- Materiais dixitais e interactivos: A web defronte.gal ofrecerá recursos actualizados como vídeos, xogos e ferramentas para os Puntos Violeta.
- Actividades de sensibilización nos centros de traballo: O 25 de novembro lerase un manifesto baseado en testemuños reais de vítimas de violencia machista nos 11 centros dependentes da Deputación.
- Palestras temáticas: Desenvolveranse cinco charlas en diferentes puntos da provincia para abordar as diversas formas de violencia de xénero e promover espazos de reflexión.
- Prevención de ITS: Creación de material audiovisual específico para previr condutas de risco, especialmente entre a mocidade.
Campaña que perdura
A Deputación destaca que a campaña “DE FRONTE” non se limita ao 25N, senón que traballa durante todo o ano na prevención, reparación e eliminación da violencia de xénero. “É un proxecto vivo, que evoluciona para dar resposta ás novas formas de violencia machista que detectamos”, afirmou Bea Loureiro, de Nova Xestión Cultural.