A Deputación destaca en Bergondo o investimento do Plan Único, con 5,8 millóns achegados ao municipio desde 2017

ACoruñaXa
A deputada Cristina García visitou as obras de mellora do Centro Social de Ouces ‘Antonia Pato Pardo’, financiadas con cargo ao POS+2024 e adxudicadas por uns 126.000 euros
BERGONDO axudas depu
19 Jan 2026

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, visitou este luns en Bergondo as obras de mellora do Centro Social de Ouces ‘Antonia Pato Pardo’, unha actuación incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+2024).

No percorrido estivo acompañada pola alcaldesa, Alejandra Pérez, e por representantes do goberno local e da corporación: José Ramón Lorenzo Carou (PSOE), Juan Antonio Fariña Pedreira (Alternativa) e David Carro (BNG).

Durante a visita, García puxo en valor o papel do Plan Único (POS) como ferramenta de apoio aos concellos para impulsar infraestruturas e equipamentosss equipamentos públicos. Segundo sinalou, este programa permite levar adiante actuacións necesarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza e recuperar espazos de uso comunitario, ao tempo que contribúe a modernizar servizos municipais.

A deputada destacou tamén o volume de recursos mobilizados en Bergondo: entre 2017 e 2025, o municipio recibiu preto de 5,8 millóns de euros a través deste plan provincial. Ademais, no POS deste ano, a contía asignada inicialmente á localidade ascende a case 730.000 euros.

Pola súa banda, a alcaldesa subliñou que as obras avanzan ‘a moi bo ritmo’ e que o obxectivo é realizar un ‘cambio total’ no edificio para deixalo en condicións óptimas de cara ás actividades municipais e ás das entidades sociais que empregan o espazo. Pérez agradeceu a visita e lembrou que a Deputación, a través do Plan Único, é unha das principais vías de financiamento para os concellos.

As intervencións localízanse no lugar de Cangas, nun inmoble construído en 1940 que funcionou historicamente como escola da parroquia. A actuación, adxudicada por algo máis de 126.000 euros e cun prazo de execución de cinco meses, está a ser realizada pola empresa Nature Infraestructuras. O proxecto contempla unha mellora integral do centro (interior e exterior) para incrementar o confort, a eficiencia enerxética, a accesibilidade e a funcionalidade do edificio.

⚙ Configurar cookies
0.076555013656616