A Deputación destaca ao IES Rosalía Mera da Coruña como referencia da FP en Galicia

ACoruñaXa
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acudiu este venres ao IES Rosalía Mera acto de entrega de diplomas a 94 alumnas e alumnos que veñen de rematar a súa formación teórica
Imaxe do acto de entrega de diplomas no IES Rosalía Mera do 15 de marzo
15 Mar 2024

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acudiu este venres ao IES Rosalía Mera acto de entrega de diplomas a 94 alumnas e alumnos que veñen de rematar a súa formación teórica e a partir de agora inician o período de prácticas co que van tomar contacto, por primeira vez, co mundo laboral.

Durante a acto destacou ao centro educativo, xestionado pola propia Deputación da Coruña, como “unha referencia da formación profesional en Galicia”, un centro ao que recorren “moitas empresas desta provincia á hora de buscar aos técnicos máis cualificados”, porque “saben da calidade da formación neste instituto”.

Formoso, que na súa visita estivo acompañado pola deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, salientou “a excelencia no ensino” por parte dun centro do que é titular a Deputación e que durante as súas case sete décadas de vida proporcionou un futuro laboral ás mozas e aos mozos que se formaron nas súas aulas. “Estamos orgullosos da historia dun centro que permitiu estudar a varias xeracións, ás veces en tempos onde o acceso á formación era moi difícil”, dixo.

O IES Rosalía Mera ofrece 11 ciclos formativos cunha elevada inserción laboral. Entre eles atópanse especialidades como a electricidade, a mecánica, a carpintería, as artes gráficas ou o mantemento industrial. A clave do seu éxito é que “poñemos os mellores medios”, e que, por outra banda, “temos un gran cadro de profesores”, asegurou o presidente provincial antes de comprometerse a “seguir apoiando e promovendo a educación de calidade”.

0.19969606399536