A Deputación defenderá esta fin de semana a súa aposta turística na feira de Biocultura
Dende este venres e ata o domingo celébrase en Expocoruña unha nova edición da feira Biocultura de ecoturismo e produtos ecolóxicos máis importante do Estado. O evento inaugurouse esta mañá tamén para o stand da Deputación da Coruña, un dos 150 que participarán no foro, que volve contar co apoio da institución provincial, representada no acto polo vicepresidente Xosé Regueira.
"Dentro do programa de feiras que se celebran na provincia, Biocultura é para nós unha das máis importantes porque toca sectores que para o departamento de Turismo da Deputación son absolutamente sensibles", salientou Regueira. “Por iso, desde a primeira edición, fixemos o posible para que a mostra se celebrase na Coruña, porque para nós é fundamental unha feira que trata sobre a sostibilidade, sobre a ecoloxía e sobre o futuro do turismo; e que, ademais, está comprometida, dalgún xeito, co territorio. E, neste sentido, a estratexia da feira e a estratexia da Deputación coinciden”.
A Deputación contará en Biocultura cunha caseta, de más de 100 metros cadrados, dedicada, en palabras do vicepresidente, “á promoción de produtos ecolóxicos, de marca Eco; produtos de toda a cadea agroalimentaria; produto cosmético e produto enolóxico; e cociña en directo, para que ademais se poida degustar ese produto transformado en bocados de restauración”. O stand acollerá tamén relatorios sobre os plans de sostibilidade que o departamento de Turismo provincial está a executar con cargo aos fondos Next Generation adxudicados dentro do plan enogastronómico de Galicia.
Dentro da programación das actividades do evento, Turismo da Deputación desenvolverá nos diferentes espazos da entidade provincial un amplo abano de actividades. Así, haberá diferentes showcookings ecogastronómicos da man de produtores locais, e estudantes do CIFP Paseo das Pontes, con receitas ecolóxicas. Tamén haberá ponencias da man de asociacións, entidades, empresas e profesionais que traballan no ámbito do ecoturismo e a gastronomía sustentable.