A Deputación dá luz verde á ampliación da DP-3903 entre Irixoa e Vilarmaior cun investimento de preto de 1 millón de euros

A Deputación da Coruña publicou este 19 de febreiro de 2026 no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a aprobación definitiva do proxecto para ampliar e reforzar a seguridade viaria na estrada provincial DP-3903, que une Adragonte e Vilamateo por Ambroa, ao seu paso polos concellos de Irixoa e Vilarmaior.
A iniciativa fora aprobada no pleno provincial celebrado no mes de xaneiro e, coa súa publicación no BOP, queda xa lista para avanzar cara á licitación, que o organismo provincial prevé impulsar nas vindeiras semanas. Segundo indica a Deputación, os trámites de expropiación dos terreos necesarios xa están rematados, polo que a obra poderá comezar unha vez se adxudiquen os traballos.
O investimento global supera os 962.000 euros: 899.963 euros destínanse á execución das obras e o resto ás expropiacións. A intervención abrangue un tramo de preto de 2 quilómetros, entre os puntos quilométricos 4+640 e 6+490, á saída do núcleo de Vilamateo, onde a DP-3903 xa conta con calzada ampliada e beirarrúas ao longo da zona habitada.
O proxecto contempla ampliar a plataforma actual, que apenas chega aos 4 metros de ancho e complica o cruce de dous vehículos con garantías, ata alcanzar os 8 metros. A nova sección terá dous carrís de 3,5 metros (un por sentido) e beiravías laterais de 0,5 metros.
Ademais, inclúese a substitución de dúas obras de drenaxe transversal nos PQ 6+140 e 6+380, ao paso de dous regatos, mediante marcos de formigón armado, e tamén unha mellora puntual do trazado na intersección coa vía municipal existente no PQ 6+100.
A estrada pavimentarase con mestura bituminosa en quente sobre base de zahorra e o prazo de execución previsto é de seis meses desde o inicio das obras.