A Deputación da Coruña suprime a cita previa nas oficinas tributarias e aposta pola atención presencial

ACoruñaXa
O novo modelo, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026, prioriza o acceso directo da cidadanía ás 14 oficinas de atención tributaria e reserva a cita previa para trámites complexos.
DEPUTACIÓN cita previa
17 Nov 2025

A Deputación da Coruña eliminará a partir do 1 de xaneiro de 2026 a obriga de solicitar cita previa para a maior parte das xestións tributarias presenciais. Así o avanzou esta mañá o presidente provincial, Valentín González Formoso, durante unha visita á oficina de Recadación da institución en Santiago de Compostela, onde defendeu un modelo de administración 'aberta e accesible para todos'.

Formoso explicou que, aínda que ata o de agora só arredor do 20% das consultas e trámites presenciais se realizaban con cita previa, a súa supresión envía unha mensaxe clara de proximidade á cidadanía e de simplificación burocrática. A atención presencial sen cita converterase así na vía preferente para calquera xestión ordinaria no ámbito tributario.

Non obstante, a Deputación manterá un sistema complementario con cita previa para casos que requiran asesoramento especializado, como expedientes complexos en vía executiva, plusvalías ou trámites catastrais. Este modelo está especialmente pensado para persoas maiores ou con dificultades de acceso ou manexo das ferramentas dixitais, que precisan unha atención acompañada e personalizada.

O presidente provincial destacou o volume de traballo que xestionan os servizos tributarios. O ano pasado realizaron máis de 429.000 asistencias á cidadanía, das que preto de 70.000 foron presenciais. Dese total, 14.357 (arredor do 20%) tramitáronse con cita previa. As estatísticas da Tesourería provincial amosan, ademais, un incremento continuo da atención presencial ano tras ano.

A maior parte das xestións mantéñense por vía non presencial. En 2024 realizáronse 366.504 asistencias sen necesidade de desprazarse ás oficinas. A Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Deputación consolidouse como unha ferramenta clave, pasando de 100.746 trámites en 2021 a 262.953 o ano pasado. Tamén medran os canles telemáticos e telefónicos, con 69.452 consultas atendidas por teléfono e 26.828 por correo electrónico.

Formoso puxo o foco na dimensión social da medida e advertiu de que o acceso dixital á administración non pode converterse nun novo factor de exclusión. 'A fenda dixital é unha realidade que afecta de xeito especial ás persoas maiores. A administración non pode ser un muro para quen non domina a tecnoloxía, debe ser unha porta aberta á cidadanía', afirmou. Nesa liña, subliñou que o obxectivo é 'garantir a accesibilidade e a calidade do servizo de atención e que ninguén quede atrás', á vez que se evitan esperas engadidas e trámites innecesarios unicamente para conseguir unha cita.

Na actualidade, a Deputación da Coruña conta con 14 oficinas de Atención Tributaria repartidas pola provincia: dúas na cidade da Coruña e sedes en Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Corcubión, Ferrol, Narón, Negreira, Ordes, Ortigueira, Ribeira e Santiago de Compostela, que verán adaptados os seus protocolos internos para aplicar o novo modelo de atención a partir de 2026.

⚙ Configurar cookies
0.074724912643433