A Deputación da Coruña subliña o papel 'insustituíble' de AFACO na atención ás persoas con Alzheimer

A Deputación da Coruña participou este xoves 27 de novembro no acto institucional polo 30º aniversario de AFACO, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia. A deputada de Política Social, Mar García Vidal, foi a encargada de representar á institución provincial nun congreso no que se puxo en valor a traxectoria da entidade e o seu impacto directo na calidade de vida das persoas con deterioro cognitivo e das súas familias.
García Vidal salientou que 'AFACO representa tres décadas de dedicación, de acompañamento e de defensa da dignidade das persoas con deterioro cognitivo. O seu traballo é insustituíble e imprescindible para centos de familias que atopan respaldo, orientación e alivio nun momento vital especialmente complexo'.
O encontro reuniu a especialistas en neuroloxía, psicoloxía clínica, atención primaria e traballo social, e serviu para analizar os avances e os retos na abordaxe do Alzheimer e doutras demencias. Nese contexto, a deputada apelou a 'continuar reforzando as políticas públicas orientadas ao coidado, á intervención temperá, á investigación e ao apoio ás persoas coidadoras', ao tempo que advertiu que 'non hai sociedade xusta se non coidamos de quen máis o precisa'.
'A Deputación seguirá ao carón de entidades como AFACO, apoiando e impulsando recursos que garantan unha atención máis humana, máis próxima e máis efectiva', engadiu García Vidal, que tamén quixo recoñecer expresamente o labor do persoal profesional e das coidadoras e coidadores familiares, 'que sosteñen con agarimo e compromiso os recordos que a enfermidade tenta borrar'.
A responsable provincial pechou a súa intervención cun chamamento á cooperación entre administracións e tecido social para facer fronte ao aumento das demencias nunha sociedade cada vez máis envellecida: 'Este aniversario non só celebra o camiño percorrido, senón que marca un reto claro: que ningún recordo, e sobre todo ningunha persoa, quede atrás'.