A Deputación da Coruña salienta en Vilasantar o potencial do rural para xerar enerxía verde cos recursos forestais

O presidente da Deputación da Coruña visitou hoxe a planta de biomasa de Veolia en Vilasantar, onde puxo en valor o aproveitamento sostible dos recursos forestais como palanca de emprego e de transición cara a un modelo enerxético máis verde. 'O rural pode ser motor económico e ambiental, transformando os nosos montes nunha fonte de enerxía renovable, ao tempo que se prevén incendios e se impulsa o desenvolvemento e a economía local', subliñou.
A instalación de Veolia leva máis de 25 anos convertendo madeira en biomasa certificada baixo o sistema SURE. Cada ano produce arredor de 28.000 toneladas de estela verde e 8.200 de estela seca, combustibles renovables que abastecen calefaccións de industrias, centros educativos, residencias, concellos e outras instalacións públicas en toda Galicia.
Formoso incidiu en que 'a aposta pola biomasa é tamén unha aposta polo territorio, pola economía circular e pola creación de emprego no interior da provincia'. Engadiu que proxectos coma o de Vilasantar ilustran 'que o futuro do rural pasa por aproveitar con intelixencia e respecto os recursos naturais propios'.
Desde a empresa explicaron que Veolia aborda toda a cadea de valor da biomasa —desde a explotación forestal até a loxística e a entrega ao cliente—, fomentando a economía circular, o coidado do monte e do medio ambiente, xerando beneficios sociais e laborais nas áreas rurais e fornecendo un combustible a prezos competitivos.