A Deputación da Coruña reúne en Mariñán aos profesionais dos servizos sociais para abordar os retos do sector

O Pazo de Mariñán acolleu este venres o I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña que reuniu a representantes políticos e técnicos dos 93 concellos da provincia. O obxectivo da xornada foi reforzar a cooperación institucional e compartir boas prácticas no ámbito social, especialmente en torno ao envellecemento activo e á prevención da soidade non desexada, dous dos principais retos nun territorio onde máis do 25 % da poboación supera os 65 anos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o papel fundamental dos servizos sociais municipais, “a porta máis próxima, humana e necesaria da atención pública”, e agradeceu o labor diario dos profesionais que acompañan e atenden ás persoas en situacións difíciles. Formoso lembrou que o investimento social provincial medrou un 137 % na última década, ata alcanzar este ano os 33,6 millóns de euros, e anunciou que en 2026 se incrementará ata os 36 millóns, o que supón case o 14 % do orzamento provincial.
No encontro tamén se puxo de relevo o Plan de Servizos Sociais Comunitarios, que pasou de 4 millóns de euros en 2015 a 9,1 millóns na actualidade, permitindo duplicar o número de profesionais nos concellos, de 90 a 180. Ademais, a Deputación cofinancia máis de 400.000 horas anuais do Servizo de Axuda no Fogar, cunha achega que pasou de 12 a 14 euros por hora.
Formoso subliñou tamén o apoio ás entidades sociais da provincia, ás que se destinan 4,5 millóns de euros anuais para colaborar co traballo de 273 asociacións e colectivos. Asemade, avanzou novas liñas de actuación centradas no envellecemento activo, na loita contra a soidade e na creación dun novo modelo de residencias públicas de pequeno tamaño, abertas á comunidade, inspiradas nos países nórdicos. As primeiras implantaranse en As Pontes, Rianxo e Ordes.
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, fixo fincapé na importancia de combater a soidade non desexada das persoas maiores, mentres que a deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou a necesidade de reforzar a coordinación entre concellos para avanzar en políticas de coidado e acompañamento.
A xornada contou coa participación de expertos como o xerontólogo Javier Yanguas, a especialista Lourdes Bermejo e a cooperativa galega Nova Works Consulting. Ademais, desenvolvéronse obradoiros prácticos e un panel de experiencias municipais.
Este primeiro encontro nace coa vontade de consolidarse como unha cita anual de formación e reflexión, fortalecendo o papel da Deputación como apoio técnico e institucional aos concellos e á mellora da calidade de vida da cidadanía coruñesa.