A Deputación da Coruña reserva 900.000 euros para manter limpas as praias en 2026 e crear emprego de verán nos concellos costeiros

ACoruñaXa
Os 41 concellos do litoral provincial poden solicitar xa as axudas, que cobren brigadas de limpeza entre abril e outubro e chegan ata 33.840 euros por municipio
MIÑO praia grande
28 Oct 2025

A Deputación da Coruña destinará 900.000 euros en 2026 ao programa provincial de limpeza de praias, co obxectivo de apoiar economicamente aos concellos costeiros na contratación das súas brigadas de limpeza durante a tempada alta. As bases da convocatoria veñen de publicarse no Boletín Oficial da Provincia.

Estas axudas, ás que poden optar os 41 municipios con litoral da provincia, servirán para sufragar os salarios do persoal que se encarga do mantemento dos areais e tamén para asumir gastos asociados como vestiario laboral ou combustible. A duración máxima subvencionable destas brigadas será de tres meses, que deberán situarse entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2026.

Cada concello poderá recibir entre 6.768 e 33.840 euros, segundo os criterios de reparto. A Deputación explica que aplicará unha baremación obxectiva en función da superficie total de praias de cada termo municipal —segundo os datos do Ministerio de Medio Ambiente— e da poboación oficial do concello, segundo o INE. O reparto, subliña a institución provincial, pretende axustarse tanto á carga real de mantemento como á capacidade económica de cada administración local.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, salientou dúas dimensións do programa: a ambiental e a laboral. Por unha banda, destacou que estas brigadas contribúen a mellorar a imaxe das máis de 360 praias coruñesas; pola outra, incidiu en que o plan xera emprego directo nos meses de verán. Segundo os datos da Deputación, entre este programa e o de socorrismo municipal chegan a contratarse arredor de 300 persoas cada tempada estival.

Paralelamente, a Deputación lembrou que tamén se atopan publicadas no BOP as bases para as subvencións de servizos de socorrismo en piscinas municipais e praias fluviais nos concellos de menos de 50.000 habitantes. Ese plan dispón dun orzamento de 306.000 euros e prevé axudas de entre 2.500 e 10.000 euros por concello, para garantir postos de socorristas durante o verán.

⚙ Configurar cookies
0.084349155426025