A Deputación da Coruña reserva 3,7 millóns de euros para reforzar o labor das entidades sociais en 2026

ACoruñaXa
Arredor de 200 asociacións sen ánimo de lucro participaron nunha xuntanza telemática na que se presentaron cinco liñas de axudas para programas, centros, investimentos, proxectos sociosanitarios e compra de vehículos
DEPUTACIÓN servicios sociales
27 Nov 2025

A área de Política Social da Deputación da Coruña destinará en 2026 un total de 3,7 millóns de euros a apoiar o traballo das entidades sociais da provincia. Así o trasladou esta mañá a deputada responsable, Mar García Vidal, nunha reunión telemática informativa dirixida ás organizacións sen ánimo de lucro que desenvolven proxectos no ámbito dos servizos sociais.

No encontro, celebrado por videoconferencia, participaron representantes de arredor de 200 entidades, que puideron coñecer con detalle as novidades das convocatorias e expoñer as súas dúbidas e achegas ao equipo técnico provincial. Na sesión interviñeron, ademais de García Vidal, a xefa de sección e o persoal técnico e administrativo do departamento, que explicaron os obxectivos das subvencións e os criterios que rexerán a súa valoración e tramitación.

As axudas de Servizos Sociais de 2026 estrutúranse en cinco liñas distintas. Destas, 900.000 euros destinaranse ao mantemento de programas e servizos de carácter social, e outros 900.000 euros á cobertura de gastos de funcionamento e mantemento dos centros das entidades. Unha terceira liña, dotada con 1 millón de euros, financiará novos investimentos, mentres que 500.000 euros se reservarán a programas de carácter sociosanitario.

A quinta liña de subvencións, cun orzamento de 400.000 euros, permitirá ás entidades adquirir furgonetas para o transporte de persoas usuarias e vehículos adaptados, co obxectivo de mellorar a mobilidade e a accesibilidade das persoas con maiores dificultades.

Mar García subliñou que este paquete de 3,7 millóns de euros 'confirma a aposta decidida da Deputación por fortalecer o tecido social e apoiar ás entidades que chegan onde as administracións non sempre poden chegar, garantindo que ningunha persoa nin territorio quede atrás'. A deputada lembrou tamén que '2025 foi un ano de avance histórico na modernización dos servizos sociais provinciais, tanto nos programas de intervención como nos centros e na mobilidade', e expresou o seu desexo de que en 2026 'este apoio da Deputación poida ser aínda maior'.

García Vidal incidiu na importancia de manter unha colaboración estreita e constante co tecido asociativo da provincia, ao considerar que o seu labor é fundamental para asegurar a atención ás persoas e colectivos máis vulnerables. As entidades asistentes contan coas canles habituais do departamento para seguir resolvendo consultas e avanzar na preparación dos seus proxectos de cara ás novas convocatorias.

⚙ Configurar cookies
0.072054862976074