A Deputación da Coruña reivindica en Betanzos o impacto do PEL na creación de emprego e anima a solicitar as axudas de 2026

A deputada provincial de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, desprazouse hoxe aos concellos de Betanzos e Oroso para coñecer sobre o terreo o efecto das axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña na actividade de pequenas empresas e persoas autónomas, así como na creación e consolidación de emprego estable.
En Betanzos, a deputada visitou a Autoescola Seda, S. Coop. Galega de Betanzos, dedicada á formación en condución, que recibiu en 2024 unha achega de 13.580 euros para investimentos e en 2025 outros 11.000 euros destinados á contratación de persoal. Grazas a este apoio económico, a cooperativa puido modernizar os seus recursos, mellorar os servizos que presta ao alumnado e consolidar varios postos de traballo, segundo explicaron as persoas responsables do centro.
Posteriormente, en Oroso, García achegouse, acompañada polo propietario, Jesús Raña, ás instalacións de Frutas y Verduras Suso, unha empresa especializada na preparación e envasado de verduras e hortalizas listas para o consumo. Esta firma recibiu en 2024 14.700 euros a través da liña de investimentos do PEL, que lle permitiron incrementar a capacidade produtiva e ampliar a súa gama de produtos frescos listos para consumir ou cociñar de maneira inmediata.
Durante as visitas, a deputada subliñou que o Plan de Emprego Local 'é unha ferramenta fundamental para que as pequenas empresas e as persoas autónomas poidan dar pasos adiante, investir, mellorar a súa actividade e xerar emprego estable'. Remarcou que as liñas do PEL están deseñadas 'para chegar onde máis falta fai: aos negocios que sosteñen a economía local, especialmente no rural, e que precisan apoio directo para seguir medrando e competir en igualdade de condicións'.
Rosa Ana García lembrou tamén que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas PEL 2026, unha convocatoria dotada con 8,6 millóns de euros que permitirá apoiar a contratación de persoal, novos investimentos en empresas e pequenos negocios, o pagamento das cotas á Seguridade Social e os alugueiros de locais e centros de traballo de persoas autónomas. As subvencións, que van dos 1.000 aos 48.900 euros por persoa ou empresa beneficiaria, deben tramitarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación ata o 16 de decembro ás 14.00 horas.
A institución provincial salienta que estas liñas de axuda contribúen a seguir xerando emprego, consolidar pequenos negocios e impulsar novas actividades económicas, con especial incidencia nos concellos rurais e nos sectores con máis dificultades para acceder a financiamento.
Desde o seu inicio en 2016, o PEL consolidouse como un dos programas estratéxicos da Deputación da Coruña: leva mobilizados arredor de 166 millóns de euros, permitiu crear máis de 8.000 postos de traballo e apoiar máis de 3.000 empresas na provincia, ademais de impulsar centos de proxectos emprendedores vinculados á rede de espazos de coworking.
Segundo destacou García, exemplos como a Autoescola Seda en Betanzos ou Frutas y Verduras Suso en Oroso amosan 'o efecto multiplicador destas axudas na economía local e no mantemento de poboación nos municipios máis pequenos'.