A Deputación da Coruña reforza o seu apoio a Ucraína cun novo proxecto sanitario en Odesa

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno un novo convenio de colaboración destinado a prestar axuda humanitaria ao pobo ucraíno, no contexto da guerra que continúa afectando gravemente ao país. Nesta ocasión, a institución provincial comprométese a financiar con 100.000 euros a adquisición de equipamento médico esencial para o Centro Rexional de Sangue de Odesa, unha das infraestruturas sanitarias máis relevantes do suroeste ucraíno.
O proxecto será executado en colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA Ucraína), entidade que leva máis de dous anos canalizando desde Galicia iniciativas de apoio tanto no terreo como para persoas desprazadas. A achega económica permitirá dotar o banco de sangue de Odesa con maquinaria clave como extractores automáticos, conxeladores rápidos, mesas refrixeradas, seladores móbiles, frigoríficos técnicos ou contedores con anticoagulante, co obxectivo de garantir o seu funcionamento nun contexto marcado pola destrución e a escaseza de recursos sanitarios.
Valentín González Formoso, presidente da Deputación, subliñou a importancia de manter vivo o compromiso solidario: “Nun momento no que a guerra desapareceu das portadas, é máis importante ca nunca manter viva a solidariedade co pobo ucraíno, apoiar ás organizacións que están sobre o terreo e contribuír a salvar vidas con proxectos coma este, que atenden unha necesidade humanitaria moi concreta”.
O material será distribuído no terreo pola KOLO Charity Foundation, organización benéfica colaboradora directa de AGA Ucraína, con presenza activa na rexión de Odesa desde o inicio da invasión rusa.
Esta acción enmárcase nunha liña de cooperación continuada que a Deputación da Coruña mantén con Ucraína desde o estoupido do conflito en febreiro de 2022. Entre outras iniciativas, a institución acolleu a 32 persoas refuxiadas na residencia do IES Rosalía Mera, maioritariamente mulleres e menores. Tamén impulsou o envío de ambulancias ao país tras unha reunión co embaixador ucraíno en España, Serhii Pohoreltsev, que hoxe seguen operativas en zonas castigadas polos bombardeos.
Hai uns meses, Formoso recibiu aos representantes de AGA Ucraína na sede provincial para estudar novas vías de colaboración, das que xorde esta intervención que agora se pon en marcha e que volve poñer o foco na axuda concreta, útil e coordinada.