A Deputación da Coruña reforza o operativo en Ourense con dúas dotacións de bombeiros

GaliciaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O Consorcio Provincial Contraincendios colabora nas tarefas de extinción con medios humanos e técnicos para facer fronte á vaga de lumes na provincia ourensá
A CORUÑA deputación axudas ourense
18 Aug 2025

O Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña, participado pola Deputación e a Xunta de Galicia, está a reforzar desde hai días o dispositivo contra os incendios que afectan á provincia de Ourense. A situación segue a ser crítica, con máis de dez focos activos e milleiros de hectáreas queimadas, polo que o apoio dos efectivos coruñeses resulta clave para complementar os equipos locais.

Segundo explicou o presidente da Deputación e do Consorcio, Valentín González Formoso, desprazáronse a Ourense dúas dotacións integradas por doce profesionais que se manteñen dispoñibles as 24 horas, organizados en quendas rotatorias. O dispositivo conta con dous camións nodrizas e dous vehículos de mando, o que garante unha resposta rápida en diferentes puntos do territorio. As tarefas inclúen extinción, vixilancia, apoio loxístico e coordinación con outros servizos de emerxencia, como axentes forestais, protección civil e voluntariado.

Formoso puxo en valor a profesionalidade e o esforzo dos bombeiros da provincia, subliñando que están a traballar de maneira incansable en condicións moi duras: “A súa entrega e cooperación con compañeiros doutros lugares de Galicia son un exemplo de compromiso colectivo”, afirmou. O operativo manterase activo mentres sexa preciso, asegurando a máxima coordinación coa Xunta de Galicia, o Goberno de España e as autoridades locais. Ademais, os equipos do parque de Arzúa tamén interviñeron recentemente en lumes declarados en Toques e Melide, que chegaron a ameazar zonas habitadas.

⚙ Configurar cookies
0.21113586425781