A Deputación da Coruña reforza con 60.000 euros os programas 'A liña do galego' e Correlingua

ACoruñaXa
O ente provincial achega 40.000 euros ao servizo de defensa dos dereitos lingüísticos da Mesa e 20.000 ao programa educativo que celebra o seu 25 aniversario
Deputacion convenios correlingua
26 Nov 2025

A Deputación da Coruña vén de renovar o seu apoio a dous programas de referencia na promoción do idioma. A deputada de Lingua, Sol Agra, asinou na sede provincial dous convenios coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Asociación Cultural Correlingua, que supoñen un investimento conxunto de 60 000 euros destinados á defensa dos dereitos lingüísticos e á dinamización do galego entre a cidadanía.

Agra salientou que estes acordos se enmarcan no traballo da Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación, que impulsa programas dirixidos tanto á poboación como ás entidades da provincia. O obxectivo é avanzar na recuperación social do galego e favorecer o seu uso e prestixio en ámbitos chave como o ensino, a cultura, o deporte, as novas tecnoloxías ou a comunicación, implicando de maneira progresiva todos os colectivos.

No caso da Mesa pola Normalización Lingüística, a Deputación destina 40.000 euros á continuidade do programa 'A liña do galego', achegando o 80 por cento do seu orzamento anual. Este servizo dispón dun teléfono, un correo electrónico e unha aplicación móbil para Android e Apple a través dos que se tramitan queixas e consultas por vulneración dos dereitos lingüísticos por parte de institucións, empresas ou outras entidades, ademais de apoiar e recoñecer aquelas que avanzan na garantía do dereito a vivir en galego.

O orzamento de 'A liña do galego' dedícase principalmente a persoal para a atención directa, a xestión dos expedientes e a asistencia xurídica (43.000 euros). Complétase cos custes de comunicación dos actos relacionados co servizo (5.600 euros), a renovación e actualización da aplicación móbil (300 euros), o deseño e impresión do informe anual (600 euros) e a distribución de material informativo (500 euros).

Pola súa banda, o convenio coa Asociación Cultural Correlingua, asinado por Sol Agra e Suso Bermello, garante unha achega de 20.000 euros ao proxecto, o que supón arredor do 55 por cento do seu orzamento. Correlingua é unha iniciativa de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que desde 2001 convida ao alumnado e á mocidade de diferentes niveis educativos a participar en actos públicos en defensa do dereito de medrar en galego. Na edición de 2025 o lema escollido foi 'A mocidade activa por unha lingua viva'.

Os fondos destinados ao Correlingua empregaranse na organización das actividades que se desenvolven ao longo de todo o ano (29.403,65 euros), na contratación de profesionais para presentacións, son, comunicación e coordinación (24.353,15 euros), nos desprazamentos do alumnado ás diferentes festas e actos (3.470,50 euros) e no deseño e edición do material promocional do programa (7.317 euros), co propósito de reforzar a sensibilización lingüística e o protagonismo da mocidade no futuro do galego.

⚙ Configurar cookies
0.06427788734436