A Deputación da Coruña reforza a súa colaboración con AFRICOR para impulsar a xenómica no gando frisón

A Deputación da Coruña mantén a aposta pola mellora xenética do gando vacún frisón da man de AFRICOR. A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, reuniuse este xoves en Santiago de Compostela coa directiva da Asociación Provincial de Criadores de Gando Frisón da Coruña, encabezada polo presidente Fernando Suárez Mouro, para facer balance do plan que a entidade impulsa desde hai anos co respaldo económico da institución provincial.
No encontro, Capelán puxo o foco no compromiso continuado da Deputación co sector lácteo, a través de liñas de subvencións dirixidas a incrementar a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade das explotacións. Nese marco, a institución vén apoiando a realización de probas xenómicas, unha ferramenta que permite coñecer con maior precisión o potencial xenético dos animais e orientar mellor as decisións de recría.
Desde AFRICOR destacaron os resultados que está a deixar esta colaboración, ao facilitar o acceso ás probas nas becerras frisonas e reducir a barreira económica inicial que freaba a participación. Segundo explicaron, desde 2018 produciuse un aumento notable do número de animais xenotipados e, en paralelo, unha incorporación progresiva da xenómica como práctica habitual nas granxas, con efectos directos na selección das futuras reprodutoras, na optimización da recría, na prevención de enfermidades xenéticas e na rendibilidade.
A entidade trasladou ademais á deputada provincial unha proposta ambiciosa: estender o xenotipado ao 100% das arredor de 30.000 becerras de raza frisona existentes na provincia, unha meta que AFRICOR considera de alto retorno social e económico por reforzar a competitividade do sector leiteiro coruñés e contribuír a explotacións máis eficientes, sostibles e innovadoras.
Capelán valorou de xeito positivo o traballo desenvolvido pola asociación e subliñou que ‘a mellora xenética é unha ferramenta clave para garantir o futuro do sector lácteo’, especialmente nun territorio como A Coruña, referente na produción de leite. A deputada reafirmou a vontade da Deputación de seguir apoiando iniciativas que impulsen innovación no rural e favorezan a actividade económica e a fixación de poboación.