A Deputación da Coruña recibe o Recoñecemento Menina 2025 pola súa loita contra a violencia machista

A Delegación do Goberno en Galicia concedeu á Deputación da Coruña o Recoñecemento Menina 2025 polo seu compromiso sostido na loita contra a violencia machista. O galardón, ligado ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, pon en valor unha traxectoria de traballo que abrangue os 93 concellos da provincia e beneficia a máis de 1,1 millóns de persoas, das que case 588.000 son mulleres.
A deputada de Política Lingüística, Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra Tuñas, amosou o seu agradecemento por esta distinción. “É un recoñecemento ao traballo de moitas persoas e entidades que durante anos veñen loitando contra a violencia machista na nosa provincia. É un estímulo para seguir avanzando cara a unha sociedade libre de violencia de xénero”, subliñou.
O xurado destacou especialmente o investimento anual de 450.000 euros que a Deputación destina á contratación de persoal técnico especializado en igualdade nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Grazas a esta liña, 19 profesionais traballan hoxe no territorio desenvolvendo programas e políticas de igualdade. “O labor destes equipos é esencial, porque están a pé de rúa, en contacto directo coas comunidades, e iso permite unha intervención real e efectiva”, engadiu Agra Tuñas.
A actuación provincial apoia-se no Plan Provincial de Igualdade ‘Compartimos Plan 2019–2026’, que inclúe un diagnóstico detallado das violencias de xénero na provincia e formula 20 liñas de acción, das cales xa se executou máis do 87 por cento. A planificación, a continuidade e a coordinación cos concellos e co tecido asociativo foron algúns dos aspectos máis valorados pola Delegación do Goberno.
Entre as iniciativas recoñecidas figura a campaña ‘De Fronte á Violencia de Xénero’, posta en marcha en 2020 e á que se sumaron todos os municipios da provincia e máis de 120 entidades sociais. Tamén se salientou o proxecto comunitario ‘O Lavadoiro’, desenvolvido en Moeche e San Sadurniño, pola súa capacidade para crear redes veciñais de apoio e sororidade, así como os programas de prevención educativa ‘Suprime o Control’ (2016–2019) e ‘STOP ACOSO’, que chegou recentemente a 47 centros e arredor de 9.000 escolares.
O recoñecemento Menina 2025 pon tamén o foco na traxectoria histórica da Deputación na rede de acollida a vítimas desde 1992 e na creación de materiais culturais propios, entre eles once curtametraxes elaboradas por alumnado das comarcas coruñesas. Ademais, destaca o traballo dirixido a mulleres con diversidade funcional, con accións específicas de capacitación dixital para facer fronte ás violencias en liña.
“O noso traballo baséase na coordinación. Ningunha administración pode combater soa a violencia machista”, recalcou Agra Tuñas, que fixo extensivo o premio “a todas as persoas profesionais, concellos, entidades e centros educativos que se implican cada día”. Para a deputada, este galardón “non é un punto de chegada, senón un impulso para seguir avanzando con máis forza, con políticas integrais, innovadoras e sostibles no tempo”.