A Deputación da Coruña recibe a Noite Bohemia tras o Premio Nacional de Teatro Clásico Grecolatino

ACoruñaXa
Natividade González expresa o 'orgullo e recoñecemento' polo labor da compañía na promoción das artes escénicas e do legado grecolatino entre a mocidade
A CORUÑA noite bohemia
6 Nov 2025

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, recibiu este xoves no Salón de Plenos á compañía coruñesa Noite Bohemia, recente gañadora do Premio Nacional de Teatro Clásico Grecolatino 2025, outorgado polo Ministerio de Cultura. O xurado distinguiu á formación pola súa posta en escena de 'Bacantes', de Eurípides, representada no Teatro Romano de Segóbriga.

Durante o encontro, González trasladou á agrupación teatral o 'orgullo e o agradecemento' da institución provincial polo seu traballo continuado 'na promoción das artes escénicas e na difusión do patrimonio cultural grecolatino, especialmente entre o público máis novo'. Salientou ademais que se trata 'do galardón máis prestixioso do Estado no ámbito do teatro clásico', o que consolida a Noite Bohemia como referente da escena nacional.

A responsable provincial subliñou que o premio 'é tamén un recoñecemento ao talento e á creatividade da provincia, así como ao compromiso da Deputación coa cultura e coa mocidade'. 'Noite Bohemia é exemplo de teatro feito con paixón, rigor e entrega', engadiu.

Pola súa banda, a compañía agradeceu o apoio institucional que vén recibindo do departamento de Cultura da Deputación nos últimos anos, cualificándoo de 'clave' para poder desenvolver os seus proxectos artísticos.

⚙ Configurar cookies
0.072649002075195