A Deputación da Coruña recibe 77 solicitudes para impulsar programas de igualdade en 2026

ACoruñaXa
Un total de 56 entidades optan á liña de mantemento (600.000 euros) e outras 21 á de investimentos (100.000 euros), con axudas que poden chegar aos 40.000 e aos 28.000 euros, respectivamente
DEPUTACION CORU sol agra, igualdade
7 Jan 2026

A Deputación da Coruña contabilizou 77 solicitudes de entidades sen ánimo de lucro para acceder aos programas de subvencións destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade de xénero ao longo de 2026. A deputada de Igualdade, Sol Agra, sinalou que o volume de peticións “demostra o elevado grao de implicación do tecido asociativo da provincia” na promoción da igualdade e na loita contra a violencia de xénero, así como o seu papel na aplicación das políticas públicas neste eido.

As peticións repártense en dúas liñas complementarias. A de mantemento, dotada con 600.000 euros, reúne 56 entidades e inclúe actuacións ligadas á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e á prevención e atención da violencia de xénero. Entre as iniciativas recollidas figuran proxectos de empoderamento e participación social, sensibilización en diversidade sexual, promoción do emprego en igualdade, conciliación e corresponsabilidade, ademais de accións de prevención, identificación e atención integral das situacións de violencia de xénero. Nesta modalidade, as axudas previstas van de 1.000 a 40.000 euros por entidade beneficiaria.

Pola súa banda, a liña de investimentos, cunha asignación total de 100.000 euros, suma 21 solicitudes e está orientada a financiar obras de acondicionamento, mantemento e reparación, así como a compra de equipamento para mellorar servizos e programas vinculados á igualdade. Neste caso, as subvencións poden acadar ata 28.000 euros por entidade.

A Deputación avanzou que na avaliación se valorarán cuestións como a calidade dos proxectos, a traxectoria e solvencia das entidades, a coordinación cos concellos e os seus servizos municipais, o uso do galego e a incorporación da transversalidade de xénero. As actuacións que resulten beneficiarias deberán executarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, no marco do Plan Estratéxico Provincial de Subvencións 2025-2027.

⚙ Configurar cookies
0.093048095703125