A Deputación da Coruña recibe 25 solicitudes para subvencionar persoal técnico de normalización lingüística

A Deputación da Coruña contabilizou 25 solicitudes na convocatoria de axudas destinada a financiar os custos de persoal técnico de normalización lingüística en concellos e outras administracións da provincia ao longo do exercicio 2026.
O programa conta cun orzamento global de 540.000 euros e fixa unha achega máxima de 20.000 euros para contratos de duración anual e a xornada completa. Está dirixido a concellos de 5.000 ou máis habitantes, así como a agrupacións municipais e outros suxeitos que cumpran as condicións establecidas nas bases.
Segundo explica a institución provincial, o obxectivo é reforzar o uso do galego tanto no funcionamento interno das administracións como na relación coa cidadanía. As persoas técnicas subvencionadas desenvolverán labores de asesoramento en política lingüística, promoverán accións de dinamización do uso social do galego, organizarán actividades de formación sociolingüística e difusión de materiais, e prestarán apoio lingüístico interno para mellorar a calidade comunicativa e a coordinación das actuacións normalizadoras entre concellos e Deputación.
Para optar ás axudas, o persoal deberá contar con titulación en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica ou Grao en Lingua Galega, e manter relación laboral ou funcionarial coa entidade local correspondente. A Deputación enmarca esta convocatoria na necesidade de impulsar políticas públicas de normalización nun contexto no que, pese a existir un marco xurídico favorable desde comezos dos anos 80, persisten desigualdades no uso social da lingua.