A Deputación da Coruña recibe 1,5 millóns de euros para modernizar os sistemas de xestión do padrón municipal

ACoruñaXa
O novo sistema permitirá actualización instantánea dos datos e mellorará a xestión en todos os concellos da provincia
Imaxe da visista ao servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación
6 Ago 2024

A Deputación da Coruña conseguiu unha achega de 1,5 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España para a modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal. O deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitaron hoxe o servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación para presentar os detalles do proxecto.

A axuda recibida forma parte dunha convocatoria que destina un total de 4.020.000 euros a Galicia para o proxecto “Cara o padrón online: novo modelo de xestión da información territorial na provincia”. O obxectivo é implantar un sistema que permita a actualización instantánea dos datos do padrón municipal, mellorando a agilidade, seguridade e transparencia na xestión administrativa.

José Ramón Rioboo destacou que o novo sistema contribuirá a que os concellos da provincia poidan xestionar os seus padróns de forma máis eficiente e adaptada á Estratexia Dixital da Deputación. “Esta modernización estará enmarcada na Estratexia Dixital, que busca unha Administración totalmente dixital, centrada na cidadanía e optimizando os trámites administrativos”, explicou Rioboo.

A subdelegada María Rivas tamén subliñou a importancia desta modernización para garantir un réxime de xestión áxil e seguro, que mellore o acceso da cidadanía aos servizos públicos e permita unha elaboración máis precisa de políticas públicas. “Este proxecto tamén facilitará a xestión en concellos máis pequenos, asegurando a protección e confidencialidade dos datos durante o proceso de actualización”, engadiu Rivas.

A Deputación da Coruña, coa axuda do Plan de Recuperación, ofrecerá asesoramento e acompañamento aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes, para garantir a implementación efectiva do novo sistema.

0.18887305259705