A Deputación da Coruña publica as bases das edicións 2026 dos premios Luis Seoane, Luís Ksado e Jesús Núñez

ACoruñaXa
O prazo para presentar as propostas abrirá no mes de febreiro
premio-ksado
6 Dec 2025

A Deputación da Coruña fixo públicas no Boletín Oficial da Provincia as bases das edicións 2026 dos premios Luis Seoane de deseño, Luís Ksado de creación fotográfica e Jesús Núñez de arte gráfica. Cada un dos tres galardóns está dotado con 6.500 euros e abrirá o prazo de presentación de propostas o 10 de febreiro do vindeiro ano, con datas de peche que varían segundo o certame entre o 10 de abril e o 29 de maio.

O Premio Luis Seoane celebrará a súa segunda edición recoñecendo traxectorias consolidadas no ámbito do deseño. As candidaturas están dirixidadas a persoas, colectivos ou entidades, e deberán demostrar unha dedicación profesional mínima de dez anos e manter unha relación directa con Galicia, xa sexa pola actividade desenvolvida no territorio ou por traballos relevantes para clientes galegos. A presentación, exclusivamente telemática, poderá realizarse ata o 10 de abril e requirirá unha memoria explicativa, currículo detallado, imaxes das pezas máis representativas e a documentación necesaria para formalizar o proceso. A Presidencia da Deputación será a encargada de conceder o premio, tras a proposta dun xurado formado por profesionais do sector e persoas vencelladas ao ámbito empresarial ou cultural.

Pola súa parte, o Premio Internacional Luís Ksado, que chega á súa vixésima edición, manterá aberto o envío de obras ata o 29 de maio. Diríxese a persoas maiores de idade que non resultaran premiadas en convocatorias anteriores e abrangue o fotodocumentalismo, fotoperiodismo e reportaxe en xeral. As propostas deberán consistir en series de entre seis e doce fotografías en formato 30x40 cm, presentadas baixo o sistema de plica e acompañadas da documentación persoal, currículo e declaracións de autoría e cesión non exclusiva de dereitos para usos expositivos e editoriais. O xurado poderá declarar o premio deserto ou concedelo ex aequo, e tamén seleccionar traballos non premiados para unha exposición itinerante e un catálogo, cunha compensación de 500 euros para as persoas autoras.

O terceiro dos certames, o Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, acada a súa vixésimo primeira edición e manterá o prazo de inscrición aberto ata o 10 de abril. Está dirixido a artistas maiores de idade que non o gañasen nos últimos cinco anos e que presenten obras inéditas cunha antigüidade máxima de tres anos. A convocatoria establece un primeiro premio de 6.500 euros e unha exposición na Fundación CIEC, así como dous accésits consistentes en bolsas de matrícula para o Máster de Obra Gráfica desta entidade. As solicitudes poderán rexistrarse por vía electrónica, en rexistros oficiais ou por correo postal, e de maneira excepcional na Fundación CIEC cando existan dificultades xustificadas. As obras deberán enviarse á sede desta institución en Betanzos, sen enmarcar, asinadas e acompañadas da copia da solicitude remitida á Deputación. O xurado poderá seleccionar ata trinta pezas adicionais para unha mostra que se inaugurará na Fundación CIEC e percorrerá diferentes municipios da provincia, xunto coa edición do seu catálogo.

As resolucións dos tres premios publicaranse no Boletín Oficial da Provincia unha vez completada a valoración dos xurados e os informes técnicos preceptivos. A participación en calquera das convocatorias supón a aceptación íntegra das bases, incluíndo as condicións sobre protección de datos, cesión de dereitos e presentación de documentación esixida pola Deputación da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.077017068862915