A Deputación da Coruña promove un estudo micolóxico para inventariar e protexer a biodiversidade do Pazo de Mariñán

A Deputación da Coruña porá en marcha un proxecto de investigación para analizar a diversidade micolóxica do Pazo de Mariñán, en colaboración coa Federación Galega de Micoloxía. A iniciativa busca ampliar o coñecemento científico dun espazo de alto valor ecolóxico e reforzar a súa conservación, a través dun estudo que ata o de agora non existía de forma exhaustiva.
A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, recibiu este luns en Mariñán representantes da Federación Galega de Micoloxía, encabezados polo presidente da entidade, José María Traba Velay, e pola investigadora Mónica Saavedra López, especializada no estudo da diversidade micolóxica do enclave.
O traballo consistirá na elaboración dun inventario sistemático das especies de fungos presentes nos terreos do pazo. Segundo avanzou a Deputación, os labores permitirán identificar, catalogar e analizar a diversidade fúngica, así como detectar exemplares de especial interese científico, incluídas especies raras ou pouco documentadas en Galicia.
O proxecto nace das conclusións da I Xornada Micolóxica do Pazo de Mariñán, celebrada o pasado mes de outubro, na que xa se puxo de manifesto a elevada variedade de fungos da zona. Durante aquela xornada localizáronse especies de gran rareza no contexto galego, un feito que, segundo explican, evidenciou a necesidade dun seguimento continuado e cunha metodoloxía estruturada.
A Deputación sinala que os resultados permitirán integrar este coñecemento na xestión ambiental do Pazo de Mariñán, reforzando o seu papel como espazo de referencia para a investigación, a conservación da biodiversidade e a divulgación ambiental na provincia da Coruña.