A Deputación da Coruña presenta o proxecto ‘A Coruña entre memorias’, que afonda na historia oculta do tráfico de persoas escravizadas

A Deputación da Coruña arroupou hoxe a presentación pública do proxecto ‘A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade’, unha proposta que examina a memoria colonial ligada ao porto coruñés e o seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas. A deputada de Cultura, Natividade González, acompañou ás creadoras da iniciativa, Zinthia Álvarez Palomino e Cristina Botana, nun acto no que salientou a importancia de apoiar proxectos “moi necesarios” que contribúen a construír unha memoria colectiva máis completa e transparente.
González destacou que este traballo, recoñecido no I Certame de Proxectos Singulares da Deputación, recupera “unha historia esquecida” que forma parte tamén da identidade da cidade. Subliñou ademais que a mostra está elaborada “con moito coidado” e con vontade de ofrecer ferramentas para comprender mellor as relacións entre progreso, desigualdade e violencia que marcaron os séculos XVIII e XIX.
A exposición inaugurarase o 18 de decembro ás 19.00 horas no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), nun acto que incluirá unha visita guiada. Poderá visitarse durante dous meses, tempo no que o público poderá achegarse a documentos, imaxes e testemuños que propoñen unha lectura renovada do pasado coruñés e da súa inserción nas lóxicas coloniais.
A inauguración coincide co Día Internacional das Persoas Migrantes, unha data que invita a reflexionar sobre as consecuencias dos movementos humanos forzados, as desigualdades históricas e a necesidade de avanzar cara a sociedades máis xustas, inclusivas e conscientes do seu pasado.