A Deputación abre a solicitude das Residencias Artísticas Mariñán 2024
A Deputación da Coruña renovou martes as Residencias Artísticas Mariñán. As axudas foron presentadas na sede provincial pola deputada de Cultura, Natividade González e a comisaria de música, Aitana Cuétara.
As bases da convocatoria poden consultarse no seguintes enlaces, para as musicais e as literarias. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 23 de xaneiro e o 23 de febreiro e deberá facerce xeito telemático a través da plataforma SUBTEL da Deputación.
Con todo, seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento para desenvolver a súa estadía no Pazo de Mariñán entre o 15 e o 26 de abril. Cada residencia terá unha duración máxima de seis días, no caso das musicais, e de doce, no caso das literarias e de pensamento.
Na edición deste ano reforzanse dous programas centrados non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolver os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.
Coas Residencias, a área de Cultura provincial quere, en palabras da deputada de Cultura, Natividade González, «apoiar uns espazos que doten de tempo e de recursos aos artistas: unha necesidade que se consolida no mundo da cultura e unha necesidade para a creación artística».
Para Aitana Cuétara, «é moi importante que a administración aposte por acompañar estes procesos e que todos sexamos conscientes do necesario que é para os creadores ter o tempo, ter os recursos económicos e ter a formación para aprobar iso. Neste sentido, as Residencias Mariñán son únicas, algo que hai que agradecerlle ao departamento de Cultura da Deputación».
Apoio ao proceso artístico
O programa de música quere promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente. Así como establecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións.
Pola súa parte, o programa literario busca fornecer as condicións favorables para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios.
Dotación das residencias
As residencias inclúen a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas. Así como a manutención e aloxamento para os articipantes, e acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria e do comisario co fin de facilitar a súa viabilidade.
No caso das estadías de música, tamén inclúe formación específica para a profesionalización e a distribución das propostas, que farán persoas expertas convidadas. tamén haberá visitas e reunións de axentes culturais e programadores e programadoras, para apoiar a continuidade do traballo feito nas estadías dentro dos circuítos musicais. Ademais de que haberá financiamento das necesidades técnicas da creación: deseño escénico, de luces e de son ou o vestiario.
No caso das estadías de literatura, programarase, ademais, unha xornada con convidados e convidadas do mundo da creación e do pensamento.
Os xurados estarán presididos pola deputada de Cultura e formarán parte de cada un deles tres persoas expertas de recoñecido prestixio.
Proxectos referentes que naceron en Mariñán
Na primeira edición das residencias de música participaron Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal. E, nas de literatura e pensamento, Vanesa Martínez, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Esther Carrodeguas, Soraya Lema, Abraham Pérez e María Marco.
En Mariñán empezaron a desenvolverse traballos coma 'Quitar o aire', o último disco de Caamaño&Ameixeiras; o proxecto 'Cuarteto Federal', encontro entre catro talentos do jazz contemporáneo español: o galego Xacobe Martínez, o andaluz Javier Galiana, o catalán Guillem Arnedo e o canario Kike Perdomo; 'Só un solo', que lle valeu a Mario G. Cortizo o Premio Martín Códax da música galega 2023; ou 'Iribarne', texto teatral de Esther Carrodeguas que levou a escena, con grande éxito, o Centro Dramático Nacional.