A Deputación da Coruña, premiada nos 'Premios Meninas 2025' polo seu traballo contra a violencia de xénero

ACoruñaXa
Tamén resultan distinguidas ACCEM Galicia, a Asociación 'Concepción Arenal', o IES de Verín e Enma Torres-Romay
A CORUÑA meninas
9 Nov 2025

A Deputación da Coruña foi elixida como gañadora nos 'Premios Meninas 2025', un recoñecemento do Goberno de España que destaca iniciativas contra as violencias machistas e a favor da igualdade. O xurado valorou o labor continuo da institución provincial en prevención e sensibilización (en centros educativos e na comunidade), a colaboración con entidades que atenden ás vítimas, a formación de profesionais e as liñas de axudas que sosteñen políticas de igualdade nos concellos máis pequenos.

Entre as medidas salientables están as subvencións anuais para entidades sen ánimo de lucro e o apoio económico a municipios de menos de 20.000 habitantes, co fin de financiar persoal técnico e axentes de igualdade e garantir proxectos estables ao longo do ano.

A cerimonia de entrega dos 'Premios Meninas 2025' terá lugar o 21 de novembro no Hostal dos Reis Católicos (Santiago de Compostela), nos días previos ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Xunto á Deputación da Coruña, nesta edición resultan recoñecidas ACCEM Galicia polo acompañamento a mulleres vítimas de trata e explotación sexual, a Asociación Penitenciaria 'Concepción Arenal' de Lugo polo seu programa integral con mulleres en contextos penais, o IES 'Xesús Taboada Chivite' de Verín polo seu proxecto ChiviTEI de convivencia e igualdade, e Enma Torres-Romay, decana da Facultade de Comunicación da UVigo, pola colaboración en campañas municipais de prevención centradas tamén en mulleres inmigrantes.

O xurado outorgou ademais mencións honoríficas a nivel autonómico e provincial, e inclúe a distinción 'Comunicación en Igualdade', que este ano recoñece a traxectoria da xornalista Tareixa Navaza.

⚙ Configurar cookies
0.078394889831543