A Deputación da Coruña pon o foco do 25N nos novos discursos que maquillan o machismo como libre elección

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, presentou este mércores a campaña provincial polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha mensaxe clara: os novos discursos machistas que venden a submisión feminina e os roles de xénero tradicionais como se fosen unha libre elección persoal supoñen un serio risco, especialmente entre a mocidade.
A institución provincial advertiu de que correntes como a chamada manosfera, o fenómeno estético coquette, o revival das tradwives (amas de casa modelo anos 50) ou as manipulacións e ataques a través de contidos creados con intelixencia artificial están a consolidar unha perigosa idealización da desigualdade e da submisión das mulleres. Estes relatos, apuntan desde a Área de Igualdade, chegan ás pantallas da xente nova con mensaxes aparentemente inofensivas que agochan unha volta ao pasado en clave reaccionaria.
Sol Agra lembrou que 'a violencia contra as mulleres continúa a ser estrutural e cotiá' e alertou do avance de discursos negacionistas que presentan como opción de vida o que na realidade segue a ser machismo. Para a deputada, estas mensaxes 'non son neutras nin inocentes, forman parte dunha estratexia organizada para frear e incluso inverter os avances en igualdade e desactivar o movemento feminista'. Nese sentido, insistiu na necesidade de reforzar o sistema educativo con contidos transversais en igualdade que alimenten o pensamento crítico desde idades temperás.
A campaña da Deputación inclúe unha xornada monográfica con palestras sobre as novas formas de violencia machista ligadas ás redes sociais, ás comunidades dixitais misóxinas ou á utilización de ferramentas de intelixencia artificial para difamar, controlar ou acosar as mulleres. Ademais, porase en marcha un circuíto de obradoiros interxeracionais en dez concellos da provincia, nos que se traballará con adolescentes, familias e persoas maiores para identificar estes discursos, poñelos en cuestión e ofrecer alternativas baseadas na igualdade real.
O programa complétase coa edición de unidades didácticas dirixidas tanto á adolescencia como a persoas adultas, pensadas para que centros educativos, asociacións e profesionais dispoñan de recursos prácticos á hora de traballar estas temáticas en aula ou en actividades comunitarias. En paralelo, a Deputación elaborará diferentes pezas gráficas e audiovisuais, como reels, infografías e outros materiais divulgativos que se difundirán a través da web defronte.gal, a plataforma provincial que agrupa recursos, guías e actividades formativas arredor da loita contra as violencias machistas.
Esta nova campaña enmárcase no programa 'De fronte á violencia de xénero', impulsado pola Área de Igualdade da Deputación, que desde hai varios anos convida os concellos e entidades sociais da provincia a implicarse de maneira activa na prevención e na resposta fronte ás agresións machistas, mediante accións compartidas e a creación dunha rede estable de colaboración institucional e social.
Agra subliñou que 'poñer fin á violencia machista é un obxectivo irrenunciable e prioritario' para a Deputación e reclamou máis recursos públicos para políticas que incorporen a perspectiva feminista, tanto na prevención como na atención integral, acompañamento e reparación das vítimas. A deputada insistiu en que garantir o acceso da mocidade a información rigorosa e segura é clave para contrarrestar o impacto destes novos relatos reaccionarios.
A programación do 25N chega, ademais, poucos días despois de que a Deputación da Coruña fose recoñecida co Premio Menina 2025 polo seu compromiso continuado na loita contra a violencia de xénero en toda a provincia, un galardón que pon en valor o Plan Provincial de Igualdade e as liñas de apoio a concellos e entidades sociais para financiar persoal técnico especializado en igualdade e desenvolver proxectos estables durante todo o ano.